
Ribeira será unha das paradas dentro da xira galega do ilusionista Pedro Volta co seu espectáculo Magic Space, que ofrecerá no Auditorio municipal no 4 de outubro, ás 18.00 horas.
Aquí combina maxia e tecnoloxía, cunha simulación virtual da mítica misión Apolo II. Trátase, polo tanto, dun show interactivo dirixido a público familiar e protagonizado polo propio Volta; un recoñecido ilusionista cunha ampla traxectoria profesional que percorreu os principais teatros de Galicia, China, Estados Unidos ou Australia, ademais de contar con numerosas aparicións en programas da televisión galega e estatal.
"Traballamos xa na programación cultural para o outono e inverno con espectáculos que dinamicen o noso municipio durante esta época, focalizados en espazos ao acubillo. Seguimos así enchendo de actividades o noso buque insignia da cultura como é o Auditorio municipal, desta vez, con maxia", en palabras da concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
A venda das entradas comeza no luns, 17 de agosto, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase paralelamente na páxina web www.ataquilla.com e de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 10 euros, máis gastos de xestión.