A exposición colectiva 'Xuntos pola arte' abre as súas portas no Lustres Rivas de Ribeira
Whatsapp: A exposición colectiva 'Xuntos pola arte' abre as súas portas no Lustres Rivas de Ribeira

O Centro Cultural Lustres Rivas alberga a partir desta semana unha mostra colectiva de artistas donostiarras titulada Xuntos pola arte e composta por 35 obras, ao abeiro da programación polas festas patronais de Santa Uxía. A inauguración terá lugar neste venres, 11 de setembro, ás 21.00 horas.

Esta exposición xorde dunha amizade e da paixón compartida pola pintura dun grupo de persoas que, des anos atrás, comezou a reunirse no Centro Cultural Oquendo e en varios obradoiros de pintura en San Sebastián. Co paso do tempo, converteron o Zaldu Urdina, no barrio de Gros de San Sebastián, no seu lugar de encontro e, no 2023, acompañaron ao mentor do grupo, Patxi Paz, á súa exposición individual en Ribeira co obxectivo de descubrir Galicia.

Agora, esta ducia de artistas regresa á localidade para presentar en conxunto a súa obra pictórica; unha selección que reflicte a diversidade de perspectivas, sensibilidades e maneiras de entender a pintura. Óleo, acrílico e acuarelas trazan paisaxes, retratos ou mariñas.