María Sampedro pon en valor o Concurso de Poesía Albariza como "un proxecto plenamente consolidado" na súa décimo terceira edición
Whatsapp: María Sampedro pon en valor o Concurso de Poesía Albariza como "un proxecto plenamente consolidado" na súa décimo terceira edición

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, asistiu onte é entrega de premios da décimo terceira edición do Concurso de Poesía Albariza convocado polo Centro Recreativo de Artes e o Concello de Ribeira como instrumento para a dinamización da creación literaria e do uso da lingua galega.

"Cada nova convocatoria confirma que estamos ante un proxecto plenamente consolidado que non deixa de medrar e que se constata co aumento da participación e a procedencia cada vez máis diversa de quen concorre", en palabras da rexedora, quen tamén se referiu á cultura e á educación como "piares irrenunciables do benestar colectivo." Sampedro tamén tivo palabras de agradecemento para o Centro Recreativo de Artes, presidido por Rosa Orellán, a quen agradeceu iniciativas desta natureza que contribúen á creación artística dende o rural como se constata coa presenza na parroquia do Museo do Gravado e do Museo Etnográfico. Así mesmo, a mandataria local felicitou a tódolos premiados e destacou o traballo de apoio á creatividade que se desenvolve nos centros de ensino e que, nesta convocatoria, estivo representado polo CEIP Plurilingüe de Artes, o CPR Bayón, o CPR Sagrado Corazón e o CPR A Milagrosa.

Na categoría de 9 a 11 anos, o primeiro premio foi para Claudia Arcos Paz, con Artes Natural; o segundo recaeu en Alis Sampedro Pazos e O meu veciño José e os seus gatos; e o accésit foi para Non me gusta nada, de Mencía Vizcaya Gutiérrez.

De 12 a 14 anos, distinguíronse os traballos de Fátima de la Iglesia Lobato, con O vello mestre, primeiro premio; Uxía Iglesias Olveira, con A señora da esquina, segundo premio; e dous accésit: José Antonio Dorca Casais, con Corrubedo; e Nicolás Pena Olveira, con Amar sen ser amado.

A modalidade de 14 a 18 anos tivo como gañadores a Jheferson Abreu Pasín e Alba Dopazo Guldrís, recoñecidos co primeiro e segundo no podio con Por que as guerras? e Memorias, corazóns e outras equipaxes, respectivamente.

Na de 18 anos en diante, Sabela Rodríguez Reino obtivo o primeiro galardón con Diario de bitácora; e Ana Martina Varela Velo, o segundo, con Como por encantamento; mentres que o accésit foi para Emilio Fernández de Sanmamed Fernández e Nada sucedeu despois.

Por último, na categoría especial de persoas maiores, houbo mención para Pepita Vidal Pérez, con 80 anos de miña nai; Juana Pérez Martínez, con Hotel; María Baleirón Rodríguez, con Moi lonxeva; e Magdalena Castro González, con Tuchiño.

Manuel López Rodríguez, Manuel Reiriz Dios, Naíma El Gargari Sampedro e Alicia Padín Otero integraron o xurado encargado de valorar a calidade dos traballos presentados para ditaminar os premios, en vales para material deportivo ou escolar para os menores de 18 anos e, en metálico, para os adultos -agás na categoría especial de persoas maiores-, ademais das súas correspondentes placas conmemorativas e publicación dos traballos.