null O Lirio de Ribeira consolida a súa ruta de tapas con 28 bares e restaurantes participantes
O Lirio de Ribeira consolida a súa ruta de tapas con 28 bares e restaurantes participantes
Whatsapp: O Lirio de Ribeira consolida a súa ruta de tapas con 28 bares e restaurantes participantes

O Lirio de Ribeira volverá a ser o protagonista dos fogóns de Ribeira e A Pobra do Caramiñal o vindeiro sábado, 5 de decembro, coa celebración da quinta edición da Ruta co Lirio; unha iniciativa impulsada pola OPP83-Sociedade Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia que contará, coa participación de 28 bares e restaurantes.

Durante toda a xornada e ata esgotar existencias, os establecementos participantes ofrecerán tapas gratuítas de Lirio de Ribeira en diferentes elaboracións. Desde receitas máis tradicionais ata propostas máis innovadoras, os profesionais da hostalería darán renda solta a súa creatividade con pratos que, un ano máis, farán as delicias da veciñanza e das persoas que visiten o Barbanza.

A iniciativa, que naceu en 2022 coincidindo co recoñecemento oficial da marca colectiva Lirio de Ribeira, consolídase así no calendario gastronómico do Barbanza tras cinco anos de estreita colaboración coa hostalería de Ribeira e tres coa da Pobra do Caramiñal. A implicación da Asociación de Hostaleiros de Ribeira e a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Autónomos de Puebla del Caramiñal, resulta fundamental para o desenvolvemento desta acción, que busca fomentar o consumo de lirio, reforzar o recoñecemento da marca colectiva e dinamizar a hostalería local.

Establecementos participantes

Tapería A Recoveira, Pub Brétema, Cocoluche, Tapería A de Maris, Bar Zum Zum, Bulebar, Tío Pepe, A Central, A Reviravolta, A Chabola, El Golimbreo, Chiringuito Pedra Pateira, Xávega, Café A Fiestra, Bar Bahía, Capitán Morgan, El Gourmet Aljan, Beizos Gastrobar, Bar La Calle, Bar Miramar, Mi Manda Picone, A de Rosa, Bar O Galeón, Café 420, Bar Curotiña, Taberna Os Cuñados, Sisal e Restaurante Ronsel.

Para esta actuación, a OPP83 Ribeira achegará un total de 400 quilos de peixe cos que se prevé elaborar arredor de 2.500 tapas, unha cifra similar a acadada na pasada edición, na que se esgotaron as existencias en apenas unhas horas.

Alianza entre sector pesqueiro e hostalería de Ribeira e Pobra do Caramiñal

A quinta edición da Ruta co Lirio foi presentada este venres, 27 de novembro, no Auditorio de Ribeira nun acto no que se deu a coñecer o cartel da iniciativa e que contou coa presenza da alcaldesa de Ribeira, María Sampedro; da directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, María de los Ángeles Vázquez Suárez; do concelleiro delegado do Mar de Ribeira, Fernando Abraldes, do presidente e xerente da OPP83, Juan Antonio Pérez e María José Casais, respectivamente; do presidente da Asociación de Hostaleiros de Ribeira, Paula Chouza; e do presidente da Asociación de Empresarios de Pobra, José Antonio Vidal.

Durante a presentación, púxose de relevo a importancia desta cita gastronómica para a dinamización do Barbanza, así como o valor das sinerxías entre sector pesqueiro e hostaleiro na promoción dos produtos do territorio. “Estamos convencidos de que non hai mellores representantes dos produtos pesqueiros da nosa terra que os nosos hostaleiros e hostaleiras”, sinalou a xerente da OPP83, que agradeceu especialmente a implicación das dúas asociación empresariais e dos establecementos participantes.

Pola súa parte, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, puxo en valor a V Ruta co Lirio como “un exemplo de cogobernanza entre administracións públicas e entidades” que contribúe a desestacionalización da oferta de ocio. Do mesmo xeito destacou que o máis importante desta iniciativa é que “ensalza o traballo dos nosos mariñeiros, a calidade dun recurso como é o lirio, os beneficios da dieta atlántica e a nosa gastronomía, recordando que “moitas veces, no sinxelo, reside a grandeza”.

Na mesma liña, a directora xeral de Pesca, Ángeles Vázquez, felicitou a OPP83 polo impulso da Ruta co Lirio e da marca colectiva Lirio de Ribeira, destacando a importancia de reivindicar especies que tradicionalmente forman parte da nosa cultura gastronómica. “Hai peixes que a xente do mar coñece moi ben, e o lirio é un deles”, sinalou, incidindo en que iniciativas como esta permiten otorgarlle o recoñecemento que merece.

Dende o sector hostaleiro salientouse a oportunidade que ofrece esta ruta para amosar a creatividade dos seus profesionais e sorprender aos clientes coa versatilidade gastronómica dun produto de proximidade como o lirio. “O lirio forma parte da nosa identidade gastronómica e ten un enorme valor económico e social para o noso territorio. Desde a hostalería ribeirense queremos contribuír a poñer en valor a súa calidade, reivindicar a nosa tradición culinaria e descubrir aos consumidores novas formas de gozar deste peixe”, manifestou a presidenta da Asociación de Hostaleiros de Ribeira. Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios de Pobra destacou esta ruta como unha “magnífica oportunidade para dinamizar a hostalería e fortalecer a colaboración entre os distintos sectores económicos do Barbanza”.

A V Ruta co Lirio enmárcase no Plan de Produción e Comercialización da OPP83, que conta co financiamento da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).