Ribeira, 14 de maio de 2025 — O Concello de Ribeira celebrou un acto de recepción oficial aos deportistas de Kempo, en recoñecemento aos seus destacados resultados en recentes competicións autonómicas, nacionais e internacionais. Os encargados de darlles a benvida e transmitir os parabéns polos logros acadados foron o alcalde Luís Pérez, o concelleiro de Deportes Xabier Vidal e a edil de Servizos Municipais Tania Redondo.
No acto, celebrado no salón de plenos do consistorio, o alcalde Luís Pérez Barral, destacou o compromiso, a disciplina e o esforzo da mocidade ribeirense, subliñando que "estes logros deportivos son motivo de orgullo para todo o municipio". O rexedor resaltou que “Ribeira goza de moitos deportistas de alto nivel coma vós, e para o concello é moi importante resaltar estos logros porque os valores do deporte en xeral están vinculados ao esforzo, ao sacrificio, a perseveranza e á loita cun mesmo”.
O concelleiro de Deportes indicou que “estaba pendente facer unha recepción ao Club de Kempo Barbanza polos logros acadados no campionato de España aos que agora hai que sumar os acadados recentemente a nivel internacional de Marta, Iván e Juan Ramón”. Vidal agradeceu ao club “o traballo que está realizando en Ribeira, e por levar o nome da nosa cidade ao máis alto a nivel español e mundial”.
Para pechar o acto o adestrador e tamén competidor Iván Parada resaltou os resultados acadados no pasado mes de marzo no campionato de España infantil, “deixaron unha gran sensación e conseguimos colocar a Galicia no segundo posto no medalleiro nacional”, rematou agradecendo aos pais e nais “por todo o sacrificio que se fai”, aos “coach” e aos dous compañeiros de selección Marta e Juan Ramón polos logros acadados.
A recepción serviu tamén para poñer en valor o traballo que realiza o club en prol da formación deportiva e persoal dos seus membros, así como a importancia do deporte como ferramenta de cohesión social e promoción dos valores positivos entre a mocidade.
Campións do mundo: Juan Ramón Millares con tres ouros, Iván Parada con dous ouros e unha prata e Marta Teira cun ouro e dúas pratas
Campións e campioas estatais: Thiago Vidal, Emma Franco, Claudia Arcos, Ainoa Parada, Naira Parada, Isaac Sampedro, Marta Graña, Marta Teira, Noah Olveira, Noa Piñeiro, Daniela Teira e Asier Teira.
O Concello reiterou o seu apoio ao tecido deportivo local e manifestou a súa vontade de continuar colaborando para fomentar a práctica do deporte en todas as idades.