Entroido

O Entroido é unha das programacións consolidadas dentro da Área de Cultura e Festexos de calquera concello. Esta tradición sufriu diversas transformacións ao longo da historia, segundo as circunstancias e situacións de cada lugar. Existen programacións do Entroido que contan con séculos de historia, e outras máis recentes, que van gañando adeptos e importancia nos últimos anos.

Este último é o caso de Riveira, onde o Entroido se celebra ao longo de cinco ou seis días, xeralmente, comezando o venres e rematando o mércores de cinza. O programa é amplo en actividades, e o tempo de ocio énchese de actos para xente nova, poboación infantil ou persoas adultas.

As actividades propias do Entroido en Riveira, que teñen lugar ano tras ano, son o FESTIVAL DE MURGAS E COMPARSAS, aberto á participación de asociacións, entidades e agrupacións da Comarca da Barbanza, onde se conceden gratificacións polo feito de participar, sempre baixo unhas bases que regulan o festival. Tamén existe un sistema de galardóns que recoñecen a letra, música, orixinalidade e interpretación máis destacadas do festival, e son concedidas por un xurado formado por un membro de cada unha das murgas ou comparsas participantes.

O festival ten lugar ao aire libre, polo xeral na Praza do Concello, e está precedido dun desfile que transcorre polas principais rúas da cidade, acompañado de charangas, agrupacións musicais, majorettes, pallasos, etc, onde participan ao redor de 300 persoas. Ata hai dous anos celebrábase o martes de Entroido que é festivo local, agora, debido á solicitude da maioría da entidades participantes, ten lugar o domingo.

Para este festival é imprescindible a colaboración de entidades e asociacións culturais, veciñais, recreativas e xuvenís, favorecendo así o tecido asociativo local, e as canles de participación cidadá no municipio en particular e na comarca en xeral.

Outras das actividades consolidadas no Entroido é o FESTIVAL INFANTIL, onde os máis cativos participan disfrazados nos obradoiros de creación (disfraces, caretas, maquillaxe, globoflexia, chaveiros, etc), nos inchables, no karaoke, etc; e onde se reparten cotillóns a todos os asistentes.

Esta actividade, o mesmo que todas a demais, é gratuíta e libre segundo o aforo do lugar onde se celebre. Adoita levarse a cabo nun pavillóns municipal ou ao aire libre. En ocasións tamén teñen lugar actuacións en vivo con pallasos, malabaristas, magos, músicos, cantantes ou estrelas da animación infantil. Ao longo dos anos tivemos a presenza, entre outros, de MÍRIAM DÍAZ AROCA, MILIKI E RITA IRASEMA, MÉLODY, LETICIA SABATER, etc.

Outra das actividades con maior aceptación da cidadanía é o ENTERRO DO FILIPE, este ten lugar o mércores de cinza coa caída da noite.

A tradición desta actividade non é exclusiva de Riveira, senón que se estende a varias vilas mariñeiras. A súa orixe parte dunha lenda que conta que o Filipe era amante das mulleres que tiñan os homes navegando, e estes, ao saberen das infidelidades, acabaron eses amoríos co linchamento do Filipe. Paseárono polas rúas da vila e queimárono nunha praza pública, mentres as mulleres choraban no enterro (carpideiras e choronas).

Esta actividade conta coa participación de entidades e asociacións que no desfile actúan como carpideiras e choronas, percibindo unha gratificación pola súa participación. Tamén hai charangas, bandas de música..., que acompañan ao Filipe ata a fin, a súa queima pública na Praza dos Mariñeiros, cun grande espectáculo de pirotecnia, e unha degustación gratuíta de produtos típicos do Entroido no Auditorio Municipal (roscas, bolos preñados, orellas, lazos, trenzas, etc).

Nos últimos anos estase a consolidar a animación nocturna da rúa, consistente en charangas e comparsas que amenizan a movida nocturna do sábado e do luns de Entroido, que se converte nunha gran festa pública, dado que ao día seguinte é festivo local. Así actúan agrupacións de todo Galicia, como OS TROMPOS DAS NICRAS, TÍRALLE DO AIRE, RIAZOR, OS ARMADANZAS, CHARANGA MECÁNICA, VIÑO BRANCO, OS DA CAÑA, etc.

Tamén realizamos outro tipo de actuacións orientadas especialmente á poboación infantil, como concertos ou representacións teatrais, de maxia ou de humor, que teñen lugar no Auditorio Municipal.

No último ano realizáronse actividades novidosas como a FESTA NOCTURNA DO ENTROIDO e XOVENTROIDO, consistindo nunha rúa cuberta cunha gran carpa, música variada e cotillón gratuíto, aberta ao público en xeral; a primeira orientada á poboación adulta, a partir das 23:00 h ata as 04:00 h da madrugada, e a segunda actividade, orientada á poboación xuvenil, en horario de tarde, ata as 22:00 h. Realízanse o luns de Entroido na Rúa de Portugal e teñen unha ampla participación e unha boa acollida por parte da cidadanía.