San Xoán 2025

Con motivo da tradicional e arraigada festa de San Xoán, ao obxecto de previr calquera tipo de incidente co uso do lume, e garantir unhas condicións de limpeza e hixiene adecuadas dos espazos públicos para que poidan ser gozados ao día seguinte pola cidadanía en perfectas condicións, resulta necesario regular algúns aspectos da nosa convivencia cidadá. Así, en uso das facultades concedidas nos apartados 1.d) e 1.e) do artigo 21 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, DISPOÑO:

 

1. SOMETER A PROCEDEMENTO DE AUTORIZACIÓN a celebración das tradicionais fogueiras festivas de San Xoán en solo público municipal, áreas públicas de xestión municipal, e outros espazos públicos durante o día 23 de xuño e a madrugada do día 24 de xuño.

 

2. PERMITIR durante a tarde do día 23 de xuño e a madrugada do día 24 de xuño a realización defogueiras/cacharelas para sardiñadas, grelladas e similares, sen previa comunicación ao Concello, en terreos de titularidade privada localizados en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, sempre que dispoñan de subministración de auga, conten co persoal e co material suficiente para o debido control da cacharela, e cumpran co resto das normas contidas neste bando.

 

3. NON PERMITIR as fogueiras/cacharelas nos seguintes espazos:

- En solo rústico de calquera categoría.

- Nos areais do termo municipal.

- Nos espazos incluídos no ámbito de protección do Dominio Público Marítimo-Terrestre. Exceptúese desta prohibición a celebración de fogueiras tradicionais festivas que conten coa preceptiva autorización da Administración competente ou xestora do espazo.

- Nos espazos naturais protexidos, coa excepción daquelas que se pretendan realizar en parcelas convenientemente pechadas e con subministración de auga, situadas en solo urbano ou de núcleo rural no Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, e que ademais estean incluídas na categoría “Zona III de uso xeral” no Plan Reitor de Uso e Xestión do espazo natural.

PROCEDEMENTO DE AUTORIZACIÓN:

As solicitudes de autorización para celebracións festivas en solo público de titularidade ou xestión municipal, e outros espazos públicos, presentaranse preferente a través da Sede Electrónica do Concello de Ribeira. Opcionalmente, poderanse presentar de forma presencial no Rexistro do Concello. Se o espazo público ten algunha afección sectorial (Costas, Patrimonio Cultural, Augas...) deberá contar coas correspondentes autorizacións das Administracións competentes. O prazo de presentación será o comprendido entre os días 9 e 17 de xuño de 2025, ámbalas datas incluídas, séndolle de aplicación o disposto neste Bando.

 

 

CONDICIÓNS XERAIS:

Este Bando regula unicamente aquelas fogueiras/cacharelas que sexan realizadas o día 23 de xuño, a partir das 18.00 horas, as cales deberán quedar perfectamente apagadas antes das 06.00 horas do día 24 de xuño.

As fogueiras poderán realizarse unicamente a partir das 18.00 h do día 23 de xuño, podendo permanecer prendidas durante a madrugada do día 24 de xuño. En calquera caso ás 06.00 h deberán quedar completamente apagadas.

Non se poderán realizar fogueiras nos areais. Para realizalas nas súas proximidades será preciso que conten coas autorizacións das Administracións competentes, dependendo da localización: Demarcación de Costas en Galicia; Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático; Portos de Galicia...

 

 

MEDIDAS PREVENTIVAS:

Previamente ao inicio da fogueira, farase unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa de polo menos cinco metros de longo, rodeando o perímetro que se vai queimar.

Non se prenderá lume preto de masas forestais ou matogueiras (50 metros de distancia mínima), nin a menos de 15 metros de calquera edificación, tendido eléctrico, instalación de calquera tipo ou vehículo.

Non poderá iniciarse ningunha fogueira cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento. Asemade, se iniciado o lume se producise a aparición de vento intenso, procederase a apagalo.

A fogueira deberá contar co persoal e co material suficiente para o seu debido control. Dado o elevado risco para a seguridade e saúde das persoas que as levan a cabo, en ningún caso se levarán a cabo individualmente.

Non se abandonará a vixilancia da zona da fogueira ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas ou brasas.

Os responsables da organización deberán ter a man mangueiras de auga ou calquera outro medio adecuado para a extinción do lume.

O montón de materiais que formen a cacharela non poderá exceder de 1,5 metros de altura, salvo casos concretos debidamente xustificados polas especiais medidas de seguridade adoptadas, coma o caso da fogueira de San Xoán de Palmeira.

Non se abandonará a vixilancia da fogueira ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas ou brasas.

 

 

OUTRAS MEDIDAS/CONDICIÓNS:

ESTÁ PROHIBIDA A QUEIMA DE TODO TIPO DE RESIDUOS (materiais en cuxa composición interveña o plástico, colchóns, rodas, aerosois, produtos inflamables ou explosivos...), debido aos gases tóxicos que produce a súa queima.

Fogueiras en espazos de titularidade ou xestión pública:

- Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento da fogueira e/ou sardiñada, nun prazo máximo de 12 horas despois de rematada.

- Fogueiras sobre pavimentos en zonas urbanas. Excepcionalmente permitirase facer a cacharela sobre pavimentos de zonas urbanas (asfaltado, embaldosado...), sempre e cando se faga sobre unha capa de area de polo menos 10 centímetros, ou se coloque algún outro elemento que garanta unha protección adecuada.

- Non se poderán realizar fogueiras que interrompan e/ou deterioren estradas, camiños, zonas verdes...

 

 

RESPONSABILIDADES:

As autorizacións outorgadas non eximirán en ningún caso das responsabilidades por danos ou perdas a que houbera lugar no caso de que os solicitantes concorran en neglixencia ou imprudencia.

 

 

REVOGACIÓNS:

Este Concello, por iniciativa propia ou por instancia do Servizo Territorial de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, poderá revogar a autorización nos casos que non sexa posible garantir as medidas de seguridade e prevención de incendios.

En caso de incumprimento das condicións indicadas, ou de queixas fundamentadas dos veciños, poderase requirir a extinción das fogueiras.

 

 

OBSERVACIÓNS:

NON SON OBXECTO DE REGULACIÓN POR ESTE BANDO AS COMUNICACIÓNS DE QUEIMA DE RESTOS AGRÍCOLAS AMOREADOS, NIN AS AUTORIZACIÓNS DE QUEIMA DE RESTOS FORESTAIS, CUXA COMPETENCIA LLE CORRESPONDE Á CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL. Sucede moitas veces que, estando os permisos suspendidos, algunhas persoas aproveitan as cacharelas de San Xoán para a queima deste tipo de materiais, pero estes feitos son motivo de denuncia.

O cumprimento destas normas poderá ser obxecto de comprobación e informe polos seguintes servizos públicos: GAEM, Policía Local, Corpo de Bombeiros, Axentes Forestais...

 

Documentos