Noticias

O Concello de Ribeira abre o prazo de matrícula para a Escola Municipal de Música
Whatsapp: O Concello de Ribeira abre o prazo de matrícula para a Escola Municipal de Música

Co inicio do mes de setembro comeza tamén a actividade da Escola Municipal de Música, polo que o Concello de Ribeira abre hoxe o prazo de matrícula. Trátase de formación musical dirixida a crianzas de 4 a 7 anos que se comezará a impartir no 2 de outubro, no Conservatorio de Música Profesional ‘Enrique Paisal’.

A concelleira de Educación, Nucha Brión, explica que "co inicio do curso escolar poñemos tamén en marcha a Escola Municipal de Música para formar aos máis pequenos da casa nas materias que sexan do seu interese e ir mergullándose de todo canto ten que ofrecer o noso conservatorio."

Música e movemento, a partir de 4 anos, terá lugar nos mércores e venres, de 16.30 a 17.15 horas; Iniciación musical, de 5 a 6 anos, será nos mércores e venres, de 17.30 a 18.15 horas; e Preparatorio, de 7 anos en diante, desenvolverase nos mércores e venres, de 18.30 a 19.15 horas.

O formulario de inscricións, xunto as instrución para a formalización da matrícula, atópase dispoñible na páxina web municipal www.ribeira.gal.

A maiores, tamén permanece aberto ata o 11 de setembro o prazo de preinscrición de alumnado oínte. Esta pódese facer a través do teléfono de contacto 981 873 204 ou do enderezo electrónico conservatorio@ribeira.gal. Será preciso indicar nome, apelidos, DNI, data de nacemento, teléfono de contacto e lección nas que solicita a praza.

 

Documentos