Ribeira inaugura este xoves a III Mostra de Mulleres Creadoras EmpoderArte con 46 artistas participantes
Whatsapp: Ribeira inaugura este xoves a III Mostra de Mulleres Creadoras EmpoderArte con 46 artistas participantes

O Concello de Ribeira inaugurará este xoves 5 de marzo, ás 20:30 horas, a terceira edición de EmpoderArte, a Mostra de Mulleres Creadoras de Ribeira 2026, unha iniciativa cultural consolidada que pon en valor o talento feminino vinculado ao municipio. Nesta edición participan 46 artistas, tanto noveis como consagradas, procedentes de Ribeira, da súa contorna e doutros puntos de Galicia, pero todas elas cunha vinculación estreita coa localidade.

A mostra caracterízase polo seu carácter colectivo e pola variedade de disciplinas representadas, que inclúen pintura, debuxo, gravado, artesanía, fotografía, escultura e outras expresións artísticas contemporáneas, segundo informou o Concello.

O acto inaugural contará coa actuación do grupo de cantareiras As Sete Linguas, da Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño. No transcurso da inauguración intervirán a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro Fernández; a concelleira de Cultura, Ana Barreiro; e o xestor cultural municipal, Unai González, comisario da mostra xunto a Sara García.

EmpoderArte consolídase deste xeito como “un espazo de visibilidade, encontro e recoñecemento do papel das mulleres creadoras no ámbito cultural”, reforzando o compromiso do Concello de Ribeira coa igualdade, coa promoción da cultura de base e coa dinamización artística do municipio.

Dende o Goberno municipal animan á veciñanza a asistir ao acto inaugural e a visitar a mostra, que “representa unha ampla panorámica do talento creativo feminino vencellado a Ribeira”, engaden.