A creación galega e lusa toman as paredes do Lustres Rivas de Ribeira coa XV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico
Whatsapp: A creación galega e lusa toman as paredes do Lustres Rivas de Ribeira coa XV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

O Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira acolle unha nova exposición ao abeiro da programación do Maio Cultural: a XV edición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, formada por preto de 30 obras.

A Bienal é unha mostra itinerante que percorrerá once municipios galegos e portugueses, sendo Ribeira a cuarta parada deste periplo pola arte contemporánea na que se une a creación dos pobos galego e do norte de Portugal. Sirve, polo tanto, como unha plataforma de visibilidade para artistas emerxentes e consagrados, revelando novas perspectivas e linguaxes para relatar sobre o lenzo o mundo no que vivimos.

Durante a súa intervención no acto inaugural celebrado na tarde do xoves, 30 de abril, e introducido polo xestor cultural do Concello, Unai González, a segunda tenente de alcaldesa, Herminia Pouso, explicou que o Concello de Ribeira participa nesta iniciativa dende a súa creación fai 30 anos, "como membro activo deste organismo de cooperación transfronteiriza para poñer en valor a eurorrexión Galicia – Norte de Portugal e os lazos culturais que unen ás nosas comunidades.   Aquí podemos contemplar o gran potencial artístico que temos nos territorios do Eixo Atlántico a través das distintas formas de expresión e que dan boa mostra  da creatividade, tanto dos artistas emerxentes como dos consagrados, aos que agradecemos a súa participación neste certame."

De feito, pódense contemplar o primeiro premio, Sobre a liberdade de Ser, de Acácio Viegas; o segundo, Rompiendo límites, de Javier Pena; o galardón a novos talentos, O que vi, de Afonso António; e as mencións de honra, Lamento polos Antigos Mestres e (Des)fragmentado, de Esther Moe Dowson e Rodolfo Lopes, respectivamente.

Tamén falou Emma Ben, do departamento de programas do Eixo Atlántico para agradecer que Ribeira sexa novamente parada desta exposición que, nesta ocasión, conta cun total de 28 obras das 180 presentadas.

Unha das artistas seleccionadas para esta exhibición artística, Mareiras, coa obra No me mires, déjalo ya, quen destacou a oportunidade que supón esta Bienal para establecer sinerxías entre creadores galegos e portugueses, ademais doutras nacionalidades, pero afincados neste Eixo Atlántico.

Ademais, a edil lembrou ao artista Antonio Miranda, de Barcelos, recentemente falecido, "do que aquí podemos contemplar a súa peza con elementos de madeira sobre cartón titulada Todos diferentes, todos iguais."

As visitas pódense realizar ata o 30 de maio, de luns a venres, de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, ademais dos sábados, desde as 10.00 ata as 14.00 horas.