
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou no acto co gallo do 25º aniversario do Museo do Gravado de Artes celebrado no 2 de xullo, durante o cal manifestou que ''hai aniversarios que non son só unha celebración do tempo transcorrido. Son a confirmación de que unha idea, un soño e unha aposta valente eran o camiño correcto. Hoxe celebramos vinte e cinco anos do MUGART, pero, sobre todo, celebramos vinte e cinco anos de cultura, de beleza, de creatividade e de compromiso cunha sociedade mellor. Porque a arte non é un luxo. A arte é unha necesidade. É memoria, é identidade, é liberdade. É unha forma de entender o mundo e tamén de transformalo.''



Para a rexedora, ''os pobos que apostan pola cultura son pobos máis libres, máis críticos, máis creativos e máis humanos. E por iso un museo como o MUGART ten un valor que vai moito máis alá das súas paredes. É un espazo de encontro, de aprendizaxe e de inspiración. Un lugar onde cada obra nos fala, nos interpela e deixa unha pegada en quen a contempla.''


Sampedro tamén amosou o seu orgullo por ter unha institución museística destas características en Ribeira, o cal converte ao municipio ''nun referente cultural. E ese prestigio débese, en boa medida, ao MUGART.''