
A asociación A Creba organiza, en colaboración co Concello de Ribeira, a cita cultural Tolemias Hailas III. Na presentación participaron o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño; a edil de Cultura, Ana Barreiro; e representantes de dita entidade. Este evento celebrarase no sábado, 5 de setembro, ás 12.30 horas, na praza da Porta do Sol, buscando dar visibilidade ao traballo que realiza esta asociación sobre os problemas de saúde mental no Barbanza e tamén normalizar a participación e os tempos de lecer na comunidade.
Tolemias comezará coa improvisación cómica de Antón Coucheiro e Dani Blanco con The Momento Impro, un espectáculo que deixará risas aseguradas; e a nota musical soará con DaFoe, unha banda de versións local centrada en grandes temas do blues e rock.
A Creba tamén terá na praza o seu posto de artesanía elaborada polas persoas que acoden ao centro, polo que as persoas asistentes poderán achegarse para colaborar mercando algún produto, asociándose coa entidade ou adquirindo rifas para os sorteos que se realizarán alí mesmo, grazas á colaboración de establecementos da zona.