Ribeira renderá tributo á súa patroa Santa Uxía con música, tradición e oficios relixiosos
Whatsapp: Ribeira renderá tributo á súa patroa Santa Uxía con música, tradición e oficios relixiosos

A celebración continúa en Ribeira coas festas patronais na honra de Santa Uxía, do 11 ao 13 de setembro; un cartel que mestura música, tradición e oficios relixiosos, segundo avanzaron a alcaldesa, María Sampedro; o concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes; e o párroco, Alfonso Mera.

"Despois das festas do verán toca celebrar á nosa patroa, a Santa Uxía, e dende o Concello de Ribeira puxemos en marcha unha programación que mestura diferentes aspectos, buscando diferenciar estes festexos que se caracterizan, evidentemente, por ser de índole relixioso, pero tamén polo protagonismo que adquire a nosa tradición, como se constata coa ruada do traxe galego, e pola música, apostando, principalmente, por artistas da comarca para tamén darlle visibilidade ao seu talento na súa terra. E quixemos que estas actividades dinamizasen tamén todo o centro da cidade. Por ese motivo hai distintos emprazamentos", en palabras da rexedora.

O edil tamén destacou a cantidade de propostas que alberga este cartel "pensado para tódalas idades e con tres intensas xornadas lúdicas. Temos cultura, música, tradición, oficio relixioso... É un programa moi completo que leva accións a diferentes puntos da cidade ao longo de todo o día, nun mes no que xa toca despedir o verán e en Ribeira facémolo como se merece."

A axenda arranca no venres 11 coa ducia de bombas de palenque que anunciarán o inicio do día, ás 10.00 horas, momento no que o grupo de gaitas Xiada emprenderá a ruada. Tamén hai oco para a arte coa inauguración da mostra colectiva de artistas donostiarras Xuntos pola arte, no Centro Cultural Lustres Rivas, ás 21.00 horas. A noite estará amenizada coa orquestra Platinum, no Malécón, das 22.00 horas en diante, para rematar co concerto de Kid Mount e Kike Varela, a partir das 01.00 horas.

O propio día de Santa Uxía, sábado 12, comezará novamente coa ducia de bombas de palenque e ruada con Xiada, ás 10.00 horas, para, ás 12.00 horas, proceder coa misa solemne na honra da patroa cantada pola Coral do Círculo Mercantil de Ribeira, na igrexa parroquial. Deseguido, arredor das 13.05 horas, sairá a procesión acompañada polo grupo de gaitas Xiada e da Banda de Música Prudencio Romo de Lousame, que rematará cun pequeno concerto no adro da igrexa. A rapazada tamén ten actividades dentro desta axenda festiva cos inchables infantís, na praza de Porta de Sol, dende as 17.00 ata 20.00 horas. A tradición tomará as rúas da cidade coa V Ruada do Traxe Galego Aires de Dorna, con partida da carpa municipal, ás 19.00 horas, e posterior desfile no novo Auditorio municipal, ás 20.00 horas. O ritmo da noite virá marcado pola actuación de Roi Casal, ás 22.00 horas, no parque García Bayón, e a verbena coa orquestra La Fórmula, ás 23.30 horas, no Malecón.

Finalmente, no domingo 13 haberá sesión vermú a cargo de The Cuncas, na praza de Porta do Sol, ás 13.30 horas.