
As festas patronais de Santa Uxía terán unha compoñente de tradición que virá marcada pola VI Ruada do Traxe Aires de Dorna que promove a asociación Amas de Casa coa colaboración do Concello de Ribeira e Gadis. Aproximadamente 200 persoas percorrerán as rúas da cidade lucindo vestimentas de gala e de cotío no sábado, 12 de setembro, co acompañamento musical de gaitas e pandeiretas, cantareiras, Arrancadeira, Garridiñas, Nunca é Tarde e San Xoán de Laíño.
A ruada partirá ás 18.30 horas dende a carpa municipal para dirixirse pola rúa de Galicia, contorna do parque García Bayón, Malecón, Romero Ortiz, novamente rúa de Galicia, Rosalía de Castro, Otero Pedrayo e rematar no novo Auditorio municipal, lugar onde se procederá co desfile e actuacións. Alí tamén se efectuarán sorteos e haberá 11 postos de artesanía.
Durante a presentación, a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, gabou esta iniciativa por "seguir contribuíndo a enxalzar a nosa identidade, a nosa tradición, con esta ruada que pon o foco nas vestimentas que empregaban os nosos devanceiros, tanto para ocasións máis formais coma para o día a día. Estamos falando de pezas que son unha mostra de artesanía; son auténticas obras de arte postas sobre o corpo. E que mellor espazo para expoñelas ca as rúas da cidade e portándoas os nosos veciños e veciñas." A edil aproveitou a intervención para poñer en valor o dinamismo de Amas de Casa e "a estreita colaboración que manteñen coa Administración local nas distintas actividades que botamos a andar."
Pola súa parte, a presidenta de Amas de Casa, Puri Cores, e a secretaria e vicepresidenta primeira, Juana Ermitas Crugeiras, destacaron a participación de 27 persoas cos seus propios traxes procedentes de coleccións privadas, ademais da alta afluencia que haberá de rapazada. Así mesmo, enxalzaron que a maioría das pezas que percorrerán as rúas do centro urbano son traxes feitos polas socias da entidade ao longo dos anos.