Festa do Percebe

Desde 1997, tódolos anos se vén celebrando en Aguiño unha das festas gastronómicas máis apetecibles do Barbanza. Un día da última semana do mes estival de xullo ten lugar a Festa do Percebe, aínda que o ano 2003, o evento pospúxose ata o 14 de Setembro por mor do suspenso da veda destes moluscos logo dos prexuízos ecolóxicos causados polo fuel verquido desde o petroleiro Prestige.

A iniciativa da Festa do Percebe partiu do sector pesqueiro da zona co ánimo de dar a coñece-lo producto. O percebe de Cedeira e de Roncudo tiña gran sona, e o producido aquí merecía o mesmo prestixio. Así, a Confraría de Pescadores de Aguiño organiza desde hai 7 anos esta exaltación do preciado molusco. Na explanada do porto móntase unha carpa de 1500 metros cadrados baixo a que se abrigan longas mesas nas que degusta-las 4000 racións de percebe que soen servirse. Unha media de 5000 persoas saborea por un prezo que ronda os 10 €, a maior delicia que dan as rochas, acompañada de cachelos, pan, empanada de carne ou peixe, e viño ribeiro ou albariño (todo do país). Un grupo de gaitas ameniza o xantar, que comeza a despacharse ó mediodía e remata, por esgotamento de existencias, unhas 3 ou 4 horas máis tarde.