O Maio Cultural alcanza grande importancia dentro da programación deste departamento, deixando nun segundo lugar ao Abril dos Libros. Isto é debido á celebración do MES das LETRAS GALEGAS, sendo festivo en Galicia, o día 17 de maio, data na que se conmemora a publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, no ano 1863.
Esta programación fixo no 2006 o seu terceiro lustro, nacendo no ano 1991 como programación propia e fixa no calendario cultural a nivel local. A programación xira en torno á literatura, deixando tamén lugar para o cinema, o teatro e a música.
Realízanse exposicións no Auditorio e na Biblioteca Municipal onde participan todos os escolares de primaria e secundaria do municipio, dedicadas ao mundo da literatura, a cultura, ou ao autor/a que se homenaxea nese ano segundo o aprobe a Real Academia Galega.
Edítanse tamén folletos e publicacións literarias, onde se conta a traxectoria e biografía do autor/a homenaxeada, e distribúense entre os centros de primaria e secundaria, bibliotecas e aulas culturais do municipio. Asemade, tamén se adquiren publicacións propias do autor, reedicións de obras, etc, que son doados a Bibliotecas e centros de ensino.
Esta programación faise en colaboración coa Concellería de Educación, e ás veces coa de Xuventude, así como cos centros de ensino e algunha entidade ou asociación cultural, literaria, etc.
Propio do Maio Cultural é a MOSTRA DE TEATRO INFANTIL, organizada en colaboración coa Asociación Alfaia de Riveira, e na que teñen lugar as representacións dos distintos grupos de teatro infantil dos colexios, entidades e agrupacións do municipio e da comarca (Grupo de Teatro do Galaxia, Grupo de Teatro da Milagrosa de Oleiros, Grupo de Teatro do Colexio O Grupo, Grupo de Teatro do Colexio de Palmeira, Grupo de Teatro do Colexio de Aguiño, Grupo de Teatro do Sagrado Corazón de Castiñeiras, Grupo de Teatro do Bayón, Grupo de Teatro Municipal Infantil, Grupo de Teatro do Salustiano Rey Eiras, etc). Tamén se representan obras a cargo de compañías profesionais e afeccionadas de toda Galicia.
Outras das actividades consolidadas é o CERTAME LITERARIO DO MAIO CULTURAL, orientado aos escolares de Educación Primaria, no que participan nenos/as de todos os colexios nas categorías de poesía, relato e teatro, e onde se entregan diplomas, agasallos e lotes de libros para os traballos máis destacados.
Por último, ten lugar unha actividade ou espectáculo que pon fin á programación, nela participan os distintos colexios do municipio, e desenvólvese no Auditorio Municipal. Pode ser unha sesión de contacontos, un recital poético, un concerto, unha representación teatral, etc. Nos últimos anos contamos coa participación de SERAFÍN MARCOS, UNAI GONZÁLEZ, QUICO CADAVAL, CHIKI DURÁN, CÁNDIDO PAZÓ, YOLANDA CASTAÑO, etc.