Ribeira, 23 de xuño de 2025 — No día de hoxe presentouse a programación cultural do verán, baixo a denominación “Lecer na Ribeira” que engloba todas as accións da época estival, dende esta derradeira fin de semana do mes de xuño ata a primeira quincena setembro.
Na presentación estiveron presentes, a concelleira de Cultura, Antía Alberte, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla e o dinamizador Cultural, Unai González.
A proposta contará cunha vintena de espectáculos e actividades, abertas a toda a cidadanía, e para as cales son contou coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, ou da Xunta de Galicia a través de programas como Cultura no Camiño, así como doutras entidades do tecido asociativo municipal.
O programa deste ano reúne concertos, actuacións de folclore galego, novo circo, monicreques, contacontos infantís e un longo etcétera, dando comezo xa o vindeiro sábado 28 de xuño coa oitava edición do festival nacional de folclore “Tahúme entre folclores” que se celebrará ás oito no auditorio municipal e contará coa participación do grupo Tahúme como anfitrión pero tamén coa asociación cultural Camiño real de Ordes e o grupo folklore Arellán de Asturias.
Ao día seguinte, o domingo 29 tamén no auditorio, será a quenda da asociación cultural Alfaia que organizará un festival no que participarán un cento de nenas e nenos para presentar as súas coreografías de baile moderno.
A programación do mes de xullo arrancará con forza cunha nova edición do Festival Internacional de narración oral Atlántica que volve ao noso Concello con dúas actuacións para público adulto. A primeira delas será o venres 4 de xullo co artista Celso Fernández Sanmartín no lavadoiro de Penisqueira (Couso-Aguiño) e ao día seguinte contaremos coa intervención de Aída Cobas e Miguel Gouveia no piñeiral da Corna (Palmeira).
As disciplinas de novo circo, acrobacias e monicreques tamén terán o seu oco neste programa coas actuacións para público familiar que se repartirán nas fins de semana entre a praza de Porta do Sol, praza do Centenario e a praza do Concello e con recoñecidas compañías como Su.Ma, os Quinquilláns, Ghazafelhos, Fantoches Baj, Peter Punk ou Circo Chosco.
A concelleira de Cultura subliñou que “teremos tamén moita música e baile nesta programación, xa comentamos o festival de Alfaia ou o Entrefolclores de Tahúme, pero tamén terá lugar o 6 de xullo ás oito no auditorio o concerto da Orquestra Sons, o sábado 12 de xullo na praza de Porta do Sol a II Noite Tradi na que participarán as cantareiras de Bailadela, As Sete Linguas, Requinta de Lampai e Meninos do Pandeiro, o mercadiño cultural Xiradiscos o 9 de agosto en Porta do Sol, a XV edición do festival Salsa na Rúa da escola El Tomasón a última fin de semana de agosto ou xa en setembro o festival Etal Equal na praza de Teruel da man do colectivo Ribeira Crea e a Ruada do traxe tradicional de Aires de Dorna”.
Respecto do programa expositivo, destacou a mostra que se inaugurará o 11 de xullo no Centro Cultural Lustres Rivas baixo o título “Antoloxía debuxada III” e que reúne obras de artistas locais de renome como Xoán Fernández, Maralla, Antonio Pérez e Xerardo Crusat xunto coas de novas promesas do mundo das artes plásticas como Teresa Ramallo e Uxía Fernández. Esta mostra poderase visitar ata finais de agosto e dela se editará un catálogo que recollerá todas as obras expostas. Xa no mes de setembro se continuará con outra exposición por determinar “xa que por motivos de saúde dalgún dos artistas donostiarras tivemos que adiar a colectiva que estaba prevista a unha nova data”, explicou Antía..
Estas son só algunhas das accións que recolle este programa “Lecer na Ribeira” que se poderá consultar na web municipal e nas redes sociais así como nun cadríptico que editamos dende a área de Cultura e que distribuiremos polas oficinas de turismo, centro cultural Lustres Rivas e na Casa do Concello. Ademais a programación poderase ir completando con outros eventos e espectáculos que se irán anunciando no seu momento.
Polo tanto, temos por diante un interesante conxunto de actividades e propostas culturais variadas, para todos os gustos e todos os públicos, que preparamos con moito esforzo e que agardamos sexa ben acollido por todas e todos.