Ribeira, 5 de agosto de 2025 — Hoxe tivo lugar o acto de recepción das 4 nenas saharauís xunto coas 3 familias de acollida do municipio, no acto estiveron presentes por parte do Concello; o rexedor, Luís Pérez, os tenente de alcalde, Vicente Mariño, e Xabier Vidal, as edís de Educación Cruz Rivadulla, Mar, Fernando Abraldes, Cultura Antía Alberte, e Juana Brión; e por outra banda a delegada da Barbanza da entidade Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), Coba Rodríguez.
A delegada de Sogaps comezou falando da importancia deste acto no que se recibe ás 3 familias de acollida de Ribeira xunto coas 4 nenas, “porque é unha mostra do apoio do Concello a un programa solidario como é Vacacións en Paz e á causa xusta do pobo saharauí”.
Coba Rodríguez lembrou que o pobo saharauí leva 50 anos vivindo no exilio e fora do seu país “loitando polos seus dereitos, pola súa dignidade e por volver a súa terra”. Continuou falando do propio programa salientando que “as nenas pasan 8 semanas de alivio en Ribeira, saíndo así dunha situación moi dura cunhas condicións extremas de calor, coa alimentación da axuda humanitaria sen ter acceso a produtos frescos nin a médicos especialistas”.
Coba significou a importancia destas 8 semanas para as nenas “porque estamos aproveitando a estancia en Galicia para realizar revisións médicas e aproveitando para descubran a nosa cultura e que gozan das nosas praias e festas”. Para finalizar agradeceu o apoio e compromiso do Concello con este programa xunto ás tres familias de acollida de Ribeira e rematou “animamos a que máis familias de Ribeira se acheguen a este programa e se comprometan cos nenos e nenas saharauís”.
Pola súa banda o tenente de alcalde sumouse aos agradecementos ás familias de acollida e resaltou que pola súa experiencia nesta area, “vexo como as acollidas van en aumento”, Mariño tamén salientou a implicación das nenas na pasada quenda das esculturas de area en Corrubedo así como na propia cultura ribeirense.
“Recibirvos hoxe é un xesto de cariño, de compromiso que ten este concello con tódolos nenos e nenas saharauís e sobre todo coa loita do pobo; que leva 50 anos pelexando por volver ao seu país”, con estas palabras comezou o alcalde a súa intervención. Barral resaltou a calidade humana das familias que viven no deserto —que visitou no ano 2013—, “o cariño, o compromiso que teñen para sacar adiante ás súa familias e sobre todo; esa gran familia que se axuda mutuamente que é o propio pobo saharauí”.
O alcalde resaltou que desde o Concello de Ribeira alén de recibir ás familias de acollida xunto aos nenos e nenas que cada ano veñen a Ribeira, é importante tamén visualizar a loita “de todo un pobo onde máis de 200.000 persoas viven no deserto do Sahara nunhas temperaturas e condicións que son practicamente inhumanas; non baixaron os seus brazos e seguen pensando nun futuro independente para seu pobo”.
Para rematar a súa intervención, Pérez Barral agradeceu o labor de Sogaps xunto con tódalas familias acolledoras. Para poñer fin ao acto as nenas saharauís recibiron uns agasallos consistentes nunhas mochilas con marerial escolar.