· Ribeira e Porto do Son celebran dez anos de colaboración no Obradoiro Tahume
Ribeira, 29 de agosto de 2025. — O obradoiro Tahume clausurou no día de hoxe a súa décima edición cumprindo así máis dunha década que pon de manifesto a unión das diferentes administracións traballando por un fin común, o emprego e a posibilidade de dar unha formación moi demandada no actual panorama do mercado laboral.
Na clausura estivo presente o alumnado, os alcaldes de Ribeira e Porto do Son, Luís Pérez e Luis Oujo, o Director Territorial da Consellaría de Emprego, Juan José Couce, a concelleira de Emprego do ribeirense, Veva Betanzos, o concelleiro de Medio Rural sonense, Juan José Calo xunto a persoal técnico de emprego, mestres e directores do Obradoiro.
O rexedor sonense agradeceu o labor do persoal técnico de emprego dos dous concellos, “que grazas á súa xestión fomos capaces de celebrar este Tahume X e tamén a todos os mestres e directores”. Oujo mostrouse moi satisfeito polo traballo feito, “todos os Tahumes foron bos pero este foi de dez porque o traballo que se realizou tanto en carpintería coma en forestais foron o escepcionais”. Luis Oujo quixo transmitirlle aos alumnos e alumnas “que isto non se quede nun papel, isto é un traballo de nove meses que vos vai a abrir as portas do mercado laboral e máxime no contexto actual onde se vai precisar xente no forestal e en carpintería”.
O director territorial sumouse ás felicitacións, e explicou que esta colaboración entre administracións ten a función de proporcionar unha saída laboral e tamén para ter a capacidade de traballar por contra propia. Couce destacou “o traballo tanxíbel desenvolvido para a veciñanza dos dous concellos, en carpintería, na xestión da biomasa, na limpeza; todo isto queda aí reflectido en todo o esforzo e dedicación destes meses e polo tanto podédevos sentir orgullosos do traballo feito”.
Pola súa banda o alcalde ribeirense, Luís Pérez Barral, aludiu a dúas cuestións, “a primeira é que non estaríamos aquí sen a colaboración dos técnicos municipais e tamén do gran equipo que temos a cargo que é o profesorado, porque efectivamente, os recursos son necesarios pero tamén saber formar equipos é moi importante”. O rexedor tamén falou da outra cuestión importante para os concellos que é que “sen obradoiros non habería tanta formación nin poderíamos ter os espazos públicos tan ben. Grazas q vós espazos como o parque periurbano ou a rede de pasarelas de madeira non estarían tan ben; sen a vosa axuda non seríamos capaces de mantelas”.
Para rematar manifistou que “cando as administracións se xuntan, colaboran e estamos man a man por un proxecto ao final saen cousas tan positivas como isto que é formar durante dez anos a persoas para que poidades ter un futuro laboral”. Barral salientou que esta clausura non é un punto e final, “porque na actualidade, nesta sociedade todos e todas estamos continua formación e desexoulles moitos éxitos no persoal e no laboral”.
O acto de clausura rematou coa tradicional entrega de diplomas. Este obradoiro supuxo un investimento de 423.000 € euros ademais dos gastos en material asumidos polas Administracións Locais.