Buscador

Ribeira contará con visitas guiadas gratuítas á Illa de Sálvora para residentes e visitantes
Whatsapp: Ribeira contará con visitas guiadas gratuítas á Illa de Sálvora para residentes e visitantes

Ribeira, 23 de setembro de 2025. — Hoxe, o rexedor, Luís Pérez e a concelleira de Medio Ambiente, Antía Alberte presentaron as visitas guiadas a Sálvora para residentes empadroados en Ribeira e visitantes que se van desenvolver de balde no mes de outubro.


Inscricións:

Poderán inscribirse todas as persoas que o desexen a partir do 24 de setembro na Casa da Xuventude de Ribeira. Poderase acudir presencialmente ou chamando ao teléfono 981835289 en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Viaxes a Sálvora: 

Todos os sábados de outubro e domingo 19 saíndo dende as 10:30h do porto de Ribeira, detrás do apeadoiro de autobuses con regreso ás 14:30h.

A concelleira informou que estas visitas guiadas se desenvolverán durante tódolos sábados de outubro xunto co domingo 19 do mesmo mes. A iniciativa responder ao compromiso do goberno local coa promoción de valores ambientais. Antía Alberte manifestou “que non se pode valorar a riqueza que temos se non a coñecemos e como residentes, temos que ser os primeiros en visitar como se merece as nosas marabillas”.

Serán visitas guiadas cun mínimo de 100 persoas en cada quenda “para crear un ambiente máis cómodo e enriquecido para todos e todas”.

Para rematar a concelleira falou que o obxectivo principal é promover o coñecemento e a valoración do Parque Nacional das Illas Atlánticas, fomentar a participación cidadá en actividades de conservación ambiental e ofrecer unha actividade de lecer e educación ambiental aos residentes de Ribeira así como desestacionalizar o turismo na zona.

Pola súa banda o alcalde afirmou que é unha actividade para tódolos públicos, “especialmente a aquelas familias que sexan de Ribeira pero tamén a outras persoas que chegan ao noso concello para dar a coñecer as importantes características ambientais, etnográficas e culturais que temos na illa de Sálvora”.

O programa chámase “A esencia de Sálvora. De Ribeira ao paraíso”, é unha actividade que se fai por primeira vez no Concello de Ribeira onde a natureza será a protagonista e onde fío condutor serán as lendas sempre tendo coma transversalidade a concienciación ambiental e a sustentabilidade.

Serán 500 persoas que poderán visitar Sálvora de balde onde se van a facer un percorridos pola fábrica de salgadura, a aldea, o faro cunhas visitas guiadas que tamén falarán de historia e historias.

Pérez Barral falou da importancia para o Concello de facer actividades para tódolos públicos e sobre todo, facelas en tempos desestacionalizados e durante todo o ano porque “non é o mesmo visitar a illa no verán que no outono”. 

Finalizou o rexedor indicando que é unha actividade promovida pola concellería de Medio Ambiente e tamén conta cunha achega económica da C. Medio Ambiente e Cambio Climático e do parque Nacional das Illas Atlánticas, “co cal estivemos en contacto e en coordinación para poder desenvolver esta actividade”.