Ribeira, 25 de agosto 2025 — O Concello de Ribeira informa de que esta semana comezaron os traballos para realizar a instalación da rede de pluviais e pavimentación no estacionamento público que hai diante do Matadoiro e do Punto Limpo, no Polígono Industrial de Xarás.
O acceso e aparcadoiro ao Punto Limpo e ao Matadoiro Municipal, tiña un firme de aglomerado asfáltico en moi mal estado, debido fundamentalmente a que, ao non dispor de rede de recollida de pluviais, as augas superficiais se acumulan en zonas puntuais, provocaban danos e disgregacións no pavimento. Para solucionalo o Concello de Ribeira vai investir preto de 120.000 euros na instalación dunha liña de pluviais formada por colectores de PVC e posteriormente pavimentar toda a explanada cun novo pavimento.
Segundo informa o alcalde, Luís Pérez Barral, o obxectivo fundamental que se persegue con este proxecto é o de mellorar o firme actual desta zona do Polígono Industrial de Xarás, que usan diariamente centos de persoas para estacionar os vehículos para ir ao traballo.
Para conseguir este obxectivo demoleranse os pavimentos por onde discorrerá a nova rede de pluviais con tubaxes de PVC, arquetas sumidoiro e pozos de rexistro con conexión á rede. O proxecto tamén contempla a construción dunha cuneta revestida de formigón no pé do noiro existente, o saneo da zona máis deteriorada da chaira, aplicarase saburra nas fochancas, a extensión dunha capa de mestura bituminosa en quente (6 cm de espesor) en toda a superficie e finalmente pintura viaria.
A obra foi adxudicada á empresa Canarga, S.L. por un valor total de 118.000 euros IVE incluido e conta con fondos de Habilitación e Mellora de Infraestruturas dos Parques Empresariais.