Buscador

Ribeira completa o 100% do cadro de persoal da Policía Local e reforza os medios materiais cun novo vehículo
Whatsapp: Ribeira completa o 100% do cadro de persoal da Policía Local e reforza os medios materiais cun novo vehículo

Ribeira, 7 de outubro de 2025. – O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, recibiu hoxe ao novo membro da Policía Local que se incorpora ao corpo municipal. Con esta nova incorporación, o Concello logra completar o 100% do cadro de persoal que permite a lexislación vixente, sumando catro novos axentes e consolidando un equipo policial totalmente operativo con 27 membros en activo aos que se suman 12 auxilaires -8 de xuño a decembro e 4 de xaneiro a xuño-.

O rexedor expresou a súa satisfacción por alcanzar este obxectivo, que considera clave para reforzar a seguridade cidadá e mellorar a atención á veciñanza. “Hoxe é un día importante para Ribeira porque conseguimos completar o cadro da nosa Policía Local. Dispor de todas as prazas cubertas permítenos garantir maior presenza policial nas rúas e dar resposta ás demandas da cidadanía con máis rapidez e eficacia”, destacou Luís Pérez Barral.

O alcalde subliñou que a seguridade sempre foi unha prioridade dende a súa chegada á Alcaldía, e lembrou algunhas das accións máis destacadas emprendidas neste ámbito. Entre elas, salientou a actuación fronte ao edificio das Avesadas, un inmoble ocupado que supuña un risco para a convivencia veciñal e a seguridade. “Tomamos medidas decididas para recuperar a tranquilidade no barrio das Avesadas. Logramos o seu desaloxo e propuxemos que ese inmoble se destine a vivenda pública, dando así unha saída social e útil a un espazo que antes era foco de preocupación cidadá”, explicou o rexedor.

Ademais, o Concello, a través da Policía Local, levou adoito controis preventivos de consumo de alcol e drogas, campañas de seguridade viaria e educación cidadá, así como dispositivos especiais en eventos e zonas de maior afluencia. “A nosa prioridade foi sempre garantir unha Ribeira tranquila e habitable. A Policía Local está a facer un gran traballo, tanto na prevención como na intervención, e seguiremos dotándoa dos medios humanos e materiais que precise”, afirmou Pérez Barral.

No mesmo acto, o alcalde anunciou que ao longo deste mes a Policía Local contará cun novo vehículo valorado en 38.000 euros, destinado a reforzar os medios técnicos do corpo. “A seguridade require non só persoal cualificado, senón tamén recursos materiais actualizados. Este novo vehículo é un investimento máis na profesionalización e eficacia da nosa Policía Local”, engadiu.

Con estas melloras, o Concello de Ribeira continúa avanzando na consolidación dun modelo de seguridade pública próximo, eficiente e comprometido coa veciñanza, reafirmando o seu obxectivo de facer de Ribeira un lugar máis seguro, ordenado e con mellores servizos públicos.