A Bandeira Verde de Galicia ondeará novamente despois de que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático decidise outorgar este recoñecemento ao Concello de Ribeira polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe. A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, recolleu esta distinción que ostenta o municipio de maneira ininterrompida dende o 2022. O acto desenvolveuse no 14 de outubro en Mos e contou coa participación do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e da conselleira, Ángeles Vázquez.
"Somos un municipio que mira ao futuro e, en consecuencia, seguimos as políticas encamiñadas na sustentabilidade e protección dos nosos espazos naturais. Estes dez proxectos son un claro exemplo do férreo compromiso deste Concello co medio ambiente, a través de actuacións que abranguen distintos ámbitos de acción: dende a formación da nosa cidadanía á prestación directa de servizos", destaca a mandataria local.
O dito recoñecemento fundaméntase a través de dez proxectos que versan sobre a ordenación do territorio, a protección do ambiente e da paisaxe; o cambio climático e a eficiencia enerxética; a xestión responsable dos residuos; e accións de sensibilización e comunicación.
Neste senso, acometeuse a instalación de paneis fotovoltaicos en catro instalacións municipais: o complexo deportivo da Fieiteira, o Auditorio, a Unidade de Condutas Aditivas (UCA) e o mercado. Isto posibilita reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro apostando polas enerxías renovables.
A cidade tamén conta con dous aseos autolimpiables en áreas concorridas como son a carón do paseo marítimo do Touro e no parque da zona das Abesadas. Estes módulos ofrecen un servizo accesible a cidadanía e visitantes, ademais de xestionar de maneira eficiente os residuos.
Cómpre destacar a redacción do proxecto da posta en valor sostible da fábrica de salgadura do Touro, coa que recuperar as ruínas existentes dunha antiga edificación nas inmediacións da praia de Area Secada, ao mesmo tempo que se incrementa a calidade paisaxística da contorna.
Así mesmo, implantáronse 159 composteiros individuais en vivendas do rural que contan con parcela, impartindo formación ás persoas participantes. Deste xeito, redúcese o peso da fracción resto no contedor xenérico e fortalécense as tres R: reducir, reutilizar e reciclar.
En canto a eliminación de especies exóticas invasoras, púxose o foco no control e erradicación da cortaderiaselloana, coñecida comunmente como herba da pampa. Preténdese así deter e reverter a perda de biodiversidade.
Finalmente, tamén se realizaron dous talleres de concienciación como, por exemplo, a campaña sobre a reciclaxe sostible desenvolvida durante o Nadal.
Máis dunha década de traballo
Estes galardóns ambientais son o resultado do traballo iniciado no ano 2011 cunha aposta pola planificación estratéxica e, ao mesmo tempo, pola sustentabilidade e a protección do patrimonio local, consolidándose xa con probas palpables no 2022; ano no que tivo lugar a sinatura do protocolo ante o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana e a consideración de Proxecto Piloto da Axenda Urbana. Este último redundou na posterior aprobación do Plan de Acción Local da Axenda Urbana de Ribeira Atlántica; unha iniciativa clave para acadar os Obxectivos de Desenrolo Sostible (ODS) e abordar os principais desafíos urbanos ata 2030.
A disposición da Axenda Urbana, que é o marco estratéxico, permitiu a consecución de distintos plans e subvencións nos anos 2022 e 2023 como, por exemplo, o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) ou o Plan de Transición Enerxética Municipal, que financiaron a execución dos referidos proxectos.