
Nas últimas semanas produciuse un aumento no número de casos detectados de Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade (IAAP), tanto en aves silvestres como en aves de curral en Europa e España; esta situación unida ao descenso previsible de temperaturas en próximas datas e ao incremento da chegada de aves silvestres a territorio español nas súas migracións anuais, fai necesaria a aplicación de medidas extraordinarias de protección das aves domésticas en Galicia localizadas nas zonas de Especial Risco (ZER), en 11 concellos, e de Especial Vixilancia (ZEV), en 29 municipios.
Precisamente, Ribeira enmárcase neste último grupo. As medidas a adoptar nestes concellos, co obxectivo de evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie, son as seguintes:
- Queda prohibida a cría de aves de curral ao aire libre. Todos os propietarios de aves deben recluír as súas aves en instalacións pechadas a cuberto. Con todo, cando isto non sexa posible, poderanse manter as aves ao aire libre sempre que se instalen medios como teas paxareiras ou outros dispositivos que impidan a entrada de aves silvestres, e sempre que se alimente e abreve ás aves de curral no interior das instalacións ou nun refuxio que impida a chegada de aves silvestres e evite o contacto destas cos alimentos ou a auga destinados ás aves de curral.
- Queda prohibida a cría de patos, ocas e gansos con outras especies de aves de curral.
- Queda prohibida a utilización de paxaros das ordes Anseriformes (parrulos ou similares) e Charadriiformes (gaivotas e similares) como reclamo en actividades cinexéticas.
- Queda prohibido dar auga ás aves de curral procedente de depósitos aos que poidan acceder aves silvestres, salvo no caso de que se trate esa auga con métodos que garantan a inactivación do virus da in)luenza aviaria.
- Os depósitos de auga situados no exterior requiridos por motivos de benestar animal para determinadas aves de curral, deben estar protexidos suficientemente fronte as aves silvestres ou as súas dexeccións.
- Queda prohibida a presenza de aves de curral ou outro tipo de aves cativas (por exemplo, aves ornamentais ou similares) nos centros de concentración de animais definidos no artigo 3.7 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal incluíndo os certames gandeiros, mostras, exhibicións e celebracións culturais, así como calquera concentración de aves de curral ou outro tipo de aves cativas. Con todo, a autoridade competente da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de sanidade animal poderá autorizar ditas concentracións sempre que se efectúe unha avaliación do risco que dea un resultado favorable.
As medidas establecidas na actual situación de risco son de aplicación para calquera tipo de explotación avícola, sexa industrial, artesanal ou de pequena capacidade, así como tamén para os currais familiares de autoconsumo.
Cómpre sinalar que o serotipo do virus da influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) circulante actualmente é o H5N1, cunha elevada mortalidade entre as aves, pero que presenta un potencial zoonótico (é dicir, de transmisibilidade ás persoas) reducido, aínda que por un criterio básico de prevención sanitaria, aconséllase non ter contacto con aves enfermas ou mortas, tanto silvestres como domésticas, e en caso de detección destas, comunicalo de inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.
Para máis información, a cidadanía pode dirixirse á Oficina Agraria Comarcal de Ribeira, dependente da Consellería do Medio Rural.