Buscador

Ribeira pon o foco na educación polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero
Whatsapp: Ribeira pon o foco na educación polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Cada 25 de novembro conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e, por tal motivo, a Concellería de Igualdade de Ribeira programa unha serie de accións que buscan unha sociedade máis igualitaria e contribuír a erradicar unha eiva social. A este respecto, a concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, xunto coa axente de igualdade do Concello, Chío Couto, explica que o Centro de Información á Muller (CIM) optou por "a educación da lugar á transformación, polo que optamos por poñer o foco desta axenda nas novas xeracións. Cremos que é importante inculcar a igualdade dende idades temperás e, por iso, moitas das accións están pensadas para os centros de ensinanza adaptando o contido á idade do público receptor. Son iniciativas que non se limitan ao propio mes de novembro porque o noso compromiso esténdese aos 365 días do ano. E, ademais, temos actividades para toda a cidadanía como, por exemplo, un acto institucional e outras propostas de carácter máis distendido. Debemos manternos firmes na nosa repulsa á violencia de xénero e actuar en consecuencia."

No propio martes 25 desenvolverase un acto institucional, ás 11.30 horas, na praza do Concello, dirixida a toda a cidadanía e coa participación de alumnado de 1° da ESO dos institutos do municipio. A rapazada creará un muro con caixas de cartón feitas previamente nun obradoiro con lemas a favor da igualdade para amosar de maneira simbólica a solidez que vai gañando o concepto, ademais de facer lectura participativa dun manifesto e plantación dunha oliveira na memoria das vítimas.

Para esa mesma xornada tamén se configura A ruleta do benquerer; un posto a pé de rúa que busca interactuar coa cidadanía, de 11.00 a 14.00 horas, na praza do Concello, e, de 16.00 a 18.00 horas, na rúa de Galicia.

O monólogo Vicio houbo sempre levarase a escena no xoves 27, ás 19.00 horas, no salón do Centro Cultural Lustres Rivas. Está destinada ao público adulto e chega ao municipio coa colaboración da Deputación da Coruña. Froito de recoller os testemuños de vida de mulleres de máis de 80 anos, Atenea García ofrece unha peza na que fala do amor e da vida que sempre houbo nas marxes, fiando contos sobre a diversidade sexual, a ausencia durante a emigración e a diversión nos bailes das festas, sempre en clave de humor.

No mundo dixital difundirase a campaña Di si ao bo trato, onde se convida aos veciños e veciñas a que compartan no Facebook e Instagram as súas fotos dicindo si ao bo trato e mencionando as contas @concello.ribeira e @CIMribeira.

Actividades para os centros de ensino

Alumnado de Formación Profesional do CIFP Coroso asistirá no xoves 27 á charla informativa Agresións sexuais e violencia sexual; un coloquio que promove a Consellería de Política Social.

Xa pensado para os institutos, realizaranse unha serie de obradoiros de sensibilización O bo trato, para 1° da ESO.

E, para os escolares de infantil, haberá contacontos Pola igualdade cos Bolechas, facendo tamén entrega de material didáctico.

Todas estas accións terán lugar nos propios centros de ensino co obxectivo de fomentar a igualdade, o respecto á diversidade e a prevención das violencias de xénero dende a empatía, o respecto e o bo trato xa dende as idades máis temperás.

A maiores, o CIM puxo en marcha a principios de novembro o Programa Educativo de Igualdade e Diversidade orientado alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos do municipio durante todo o curso escolar e que consta de dúas liñas principais de traballo: Aprender Igualdade Creando e Talleres de Saúde Afectivo-Sexual.

O primeiro bloque está dirixido a alumnado de 6º de primaria, apostando pola aprendizaxe a través da creatividade; mentres que o segundo son obradoiros para os cursos de 2º e 4º de secundaria e de Formación Profesional Básica para abordar a educación afectivo-sexual dende unha perspectiva de xénero.

Adhesión a campañas

Ademais, a Administración local adhírese á campaña É VIOLENCIA con todas as letras, da Xunta de Galicia, así como á campaña DE FRONTE á violencia de xénero, impulsada pola Deputación da Coruña.