
Un novo espectáculo súmase á oferta cultural do Nadal para desfrutar destas datas en Ribeira. O espectáculo The Grinch. El musical chega ao novo Auditorio municipal no 28 de decembro, en dous pases: ás 17.00 e ás 19.30 horas.
Esta función trasladará aos espectadores á montaña máis alta de Villa Quién, onde vive este peculiar ser verde xunto co seu can Max. Un día decide levar tódolos agasallos dos nenos e nenas na noite de Nadal, ademais de querer meterlle medo no corpo, ata que coñece a outros personaxes especiais aos que non logra asustar e algo cambia no seu interior.
A concelleira de Cultura, Ana Barreiro, manifesta que "traemos unha nova proposta cultural coa promotora local A Cantaruxa para desfrutar da época que se aproxima. Dende a Concellería de Cultura estamos traballando para ter unha ampla e atractiva axenda para o Nadal que iremos desvelando. Con este espectáculo protagonizado polo Grinch, temos garantida a diversión para grandes e pequenos a través dun clásico e cun elenco de renome. E, para máis inri, teremos humor con esta función nunha xornada tan singular como é o Día dos Santos Inocentes."
As entradas comezarán a venderse no venres, 21 de novembro, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase simultaneamente tanto de maneira online en www.ataquilla.com como presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 16 euros para o patio xeral e en 12 euros para as localidades da fila inclusiva, máis gastos de xestión.