Buscador

O Concello de Ribeira avanza na implantación do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino para asegurar os fondos europeos
Whatsapp: O Concello de Ribeira avanza na implantación do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino para asegurar os fondos europeos

O Concello de Ribeira remata o ano 2025 sacando a licitación varios proxectos en materia de infraestruturas e servizos. Nos últimos meses publicáronse no Perfil do Contratante un total de dez licitacións por importe superior aos 850.000 euros. Entre elas, atópanse dous proxectos que saíron a licitación nas últimas semanas por un total de 192.047,02 euros para avanzar no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino cara a revitalizar espazos do municipio con interese cultural, patrimonial e paisaxístico, situándose todos eles ao longo do seu litoral. En concreto, son a creación dun miradoiro-punto de interpretación da paisaxe en Punta do Castro e a restauración do lavadoiro da Penisqueira.

A alcaldesa, María Sampedro, remarca que "pisamos o acelerador na implantación do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino no noso municipio, pois é necesario para sacar adiante actuacións que están financiadas ao 100% por fondos europeos. Este é un exercicio de responsabilidade. Tamén é o noso deber aproveitar os recursos existentes que redunden nunha mellora da calidade de vida dos nosos veciños, ben sexa a nivel de servizos ou de infraestruturas. Non imos poñer en risco fondos que traian melloras para Ribeira por cuestión de tempos. Logramos avanzar no PSTD en prazo e forma." A isto engade que "non imos comprometer as arcas municipais e, polo tanto, o peto dos nosos veciños como sucedeu coa subvención de 1,6 millóns de euros, pois no seu momento o proxecto de apoio á actividade económica en zonas turísticas deixando un 40% do mesmo sen materializar e, polo tanto, perdéronse os fondos", manifesta contundente.

E, no que se refire á evolución que supón o PSTD, a mandataria local incide en que "é importante poñer en valor puntos con potencial turístico ao mesmo tempo que se revitaliza e contribuímos á preservación de parte do noso patrimonio, desta vez, o que está localizado na costa e que reforza o noso vínculo co mar como mariñeiros que somos. Polo tanto, protexer e salientar estes lugares é tamén poñer en valor parte da nosa identidade, especialmente, cando nos referimos a Punta do Castro, o lavadoiro da Penisqueira ou a nave de Cerqueira."

Punta do Castro e Penisqueira

O deseño e construción dun miradoiro punto de interpretación da paisaxe en Punta do Castro está orzamentado en aproximadamente 143.848,54 euros. O deseño propón revitalizar a antiga fábrica de salgadura e consolidar a edificación existente, ademais de colocar unha serie de estruturas de balancín que se erixan como un miradoiro, reforzando o vínculo do inmoble co mar. Preténdese así reproducir o mecanismo que se identifica coa industria da salgadura de mediados do século XIX. As obras deberán estar executadas nun prazo de tres meses dende a adxudicación do contrato. As empresas interesadas aínda dispoñen ata as 23.59 horas do 2 de xaneiro de 2026 para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).

No que respecta ao lavadoiro da Penisqueira, os traballos contan cunha asignación de 48.198,54 euros, para a recuperación e posta en valor deste elemento patrimonial debido á acción do mar e demais efectos climatolóxicos. A actuación consiste na roza da vexetación da contorna, a renovación do conxunto de canalizacións que subministran de auga a instalación, o repicado dos muros de cachotaría de granito, a formación de fondo do lavadoiro e estanque con morteiro de cal hidrófugo, e o acondicionamento manual das pezas deterioradas e disgregadas pola erosión. A maiores, contémplase a execución dunha zona de miradoiro mediante unha pequena grada de pedra, ademais de habilitar un sendeiro con pavimento de pezas de granito que conecte co camiño público lindeiro. O prazo de execución das obras será de dous meses dende a adxudicación, pendente de formalizarse.

Outros proxectos

Enmarcado no PSTD, hai outros tres proxectos en fase de tramitación: a compra da nave de Cerqueira; o deseño e implantación da Plataforma Smart ‘Destino Intelixente’; e unha última intervención que se anunciará a principios de ano.

E, aínda que non está ao abeiro do PSTD, pero si conta con financiación doutro organismo, o Concello atópase traballando na redacción dun proxecto de carril bici entre As Saíñas e o cemiterio municipal de Palmeira, cun investimento de arredor de 600.000 euros, dos cales o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aporta o 90% dos fondos. Contempla a implantación da senda ciclista a carón da AC-305, con varias estacións de reparación e aparcabicis.