Buscador

O Concello de Ribeira organiza unha serie de reunións veciñais
Whatsapp: O Concello de Ribeira organiza unha serie de reunións veciñais

O Concello de Ribeira promove unha serie de reunións veciñais na senda de fomentar a participación cidadá na acción do goberno municipal. Estes encontros servirán para poñer en común necesidades e dúbidas, ademais de servir para explicar as accións en materia de servizos e infraestruturas a realizar.

As parroquias de Corrubedo e Olveira constitúen a primeira parada no luns, 19 de xaneiro. En Corrubedo terá lugar na casa do mar, ás 18.30 horas; mentres que o lugar elixido para Olveira será a casa da cultura, ás 20.00 horas.

Segundo manifesta a alcaldesa, María Sampedro, "queremos que a cidadanía non só sinta que é o foco da política municipal, senón que tamén tome parte dela. Este é o motivo destas reunións veciñais que nacen co obxectivo de construír unha Ribeira mellor entre todos a través da escoita activa. Deste xeito, os propios veciños e veciñas terán ocasión de trasladarnos actuacións necesarias a realizar, intercambiar puntos de vista e coñecer a acción do goberno local para cada unha das parroquias. Xa comezamos nesta senda de participación veciñal coa enquisa participativa para o POS+2026 e agora promovemos estes encontros."

As reunións no resto de parroquias definiranse en próximas datas.