Buscador

Wilbur traerá as súas acrobacias e humor ao Auditorio de Ribeira no 17 de abril
Whatsapp: Wilbur traerá as súas acrobacias e humor ao Auditorio de Ribeira no 17 de abril

Ribeira amplía a súa oferta cultural co espectáculo Piensa en Wilbur que chega ao novo Auditorio municipal no 17 de abril, ás 20.30 horas. Trátase dunha cita chea de acrobacias, humor e risco, nas que o artista Víctor Ortiz creará situacións imposibles que deixarán fascinado ao público. E aquí estará acompañado dos seus amigos inseparables: Contractura, Tirón e Desgarro.

Víctor Ortiz, máis coñecido como Wilbur, é un ximnasta, actor e artista de circo que comezou a súa andaina con tan só cinco anos no mundo da ximnasia artística para, co paso dos anos, especializarse en aparatos de chan, salto e barra ata perfeccionar a súa técnica ata chegar a competir ao lado de ximnastas de renome e chegar a coñecer o circo. De feito, formou parte do Cirque du Soleil como acróbata.

"Seguimos dinamizando a vida cultural do noso municipio cun novo espectáculo que chega a Ribeira, unha vez máis, coa produtora Aquelarre. Desta vez, temos un espectáculo unipersonal centrado nas acrobacias, pero onde non faltará o humor", segundo apunta a concelleira de Cultura, Ana Barreiro.

A venda das entradas comeza no luns, 19 de xaneiro, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase paralelamente na páxina web www.ataquilla.com e de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 19 euros, máis gastos de xestión.