Buscador

A enquisa participativa habilitada polo Concello de Ribeira cara o POS+2026 contou con preto de 300 achegas veciñais
Whatsapp: A enquisa participativa habilitada polo Concello de Ribeira cara o POS+2026 contou con preto de 300 achegas veciñais

Un total de 282 peticións veciñais rexistráronse na enquisa participativa habilitada polo Concello de Ribeira para a planificación das actuacións a incluír no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS+2026). A alcaldesa, María Sampedro, destaca a participación da veciñanza no formulario, a quen agradece "que entre todos fagamos achegas para, xuntos, mellorar as prestacións e, polo tanto, a calidade de vida no noso municipio. Estudaremos tódalas solicitudes, tanto as que son susceptibles de concorrer ao plan como aquelas outras que se poden acometer co persoal municipal ou solicitar a colaboracións doutras institucións."

Houbo participación en tódalas parroquias, liderando Olveira, onde a principal demanda é o arranxo da pista deportiva e o peche do colexio; seguido de Carreira coa mellora da antiga casa de cultura e a reparación das estradas da Mámoa e asfalto na subida á Fieiteira; e Ribeira, coa creación dun parque infantil na praza do Centenario; actuación que xa se contempla nos orzamentos municipais do 2025 cunha partida económica superior aos 200.000 euros e que está previsto que inicie a súa execución neste primeiro semestre do ano.

No resto de parroquias, as peticións céntranse na mellora de servizos básicos, especialmente, nas pavimentacións de estradas.

Outras peticións

Tamén se recolleron outras solicitudes que non son susceptibles de incluír no POS+2026 debido á natureza deste plan creado pola Deputación da Coruña, pero que si estudará o Concello de Ribeira para facer con cargo ás arcas municipais ou buscando a colaboración doutros organismos, segundo remarca a rexedora, como son as rozas, sentidos únicos, pasos peonís elevados, radares pedagóxicos, fibra óptica, limpeza de contedores, reparación de baldosas soltas ou redutores da velocidade, entre outros. De feito, en moitas destas cuestións xa están traballando actualmente as distintas brigadas municipais.