
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou onte na presentación do libro 'O pósito de pescadores de Carreira-Aguiño (1924-1944). Aproximación histórica ó litoral de Arousa Norte'. Esta obra de Daniel Bravo narra parte da historia da confraría dende a súa creación e o impacto a nivel económico, social, cultural e educativo que tivo para ambas parroquias, especialmente para a de Aguiño.
As palabras compleméntanse coas imaxes de Antonio Parada para ofrecer unha experiencia máis enriquecedora ao lector.

Na súa intervención, a rexedora manifestou que ''o noso mar é pasado, é presente e tamén queremos que sexa futuro; erixíndose como un dos motores relevantes da economía de Ribeira''. Aquí destacou tamén o traballo do pósito, ''unha entidade que no 2024 cumpriu un século de historia, un século facendo parroquia, defendendo os intereses dos mariñeiros e mellorando as súas condicións de traballo e loitando polos seus dereitos. Non dubiden que nos terán ao seu carón neste loable cometido. Como agora, nun momento no que o sector atópase atravesando dificultades con directrices como o regulamento de control. Porque defender ao sector do mar é defender á nosa xente, defender o noso modelo de vida, defender quen somos.''
Ao acto que tivo lugar na propia rula aguiñense tamén asistiron a conselleira do Mar, Marta Villaverde; o patrón maior de Aguiño, José Antonio Santamaría; o autor do libro, Daniel Bravo; e o coordinador da edición do libro, Ciprián Rivas.

