
Día sinalado para Ribeira coa visita do Director Xeral de Xustiza, José Tronchoni, para supervisar o inicio do proceso de retirada e destrución dos vehículos abandonados situados nas inmediacións do Xulgado e na entrada da subida ao Parque Periurbano de San Roque.
Trátase de vehículos que levaban máis de 30 anos neste emprazamento, froito de distintas operacións xudiciais, e que co paso do tempo acabaron converténdose nun foco de degradación e nunha imaxe de abandono e insalubridade nun punto especialmente sensible da vila tanto pola súa proximidade ás dependencias xudiciais e vivendas como por constituír a porta de acceso ao pulmón verde do municipio.
Para poder proceder á súa retirada era imprescindible acceder aos números de bastidor, algo que resultaba imposible debido ao estado de maleza da parcela. Co obxectivo de desbloquear definitivamente o procedemento, o Concello de Ribeira procedeu á limpeza integral do terreo, permitindo así o acceso por parte da Garda Civil e da Dirección Xeral de Tráfico para a identificación dos vehículos.
Este avance é tamén o resultado dun traballo que xa na anterior etapa municipal, comezou a impulsar María Sampedro, daquela como concelleira, iniciando as xestións necesarias para desatascar unha situación que levaba décadas sen solución. Hoxe, como alcaldesa, culmina ese compromiso coa retirada definitiva dos vehículos.