Buscador

Deporte e arte centraron a axenda municipal de Ribeira ao abeiro da axenda do Día Internacional da Muller
Whatsapp: Deporte e arte centraron a axenda municipal de Ribeira ao abeiro da axenda do Día Internacional da Muller

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e a concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, participaron onte, xoves 5, nos dous actos programados ao abeiro da axenda deseñada con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller: a mesa redonda Muller, deporte e saúde e a inauguración da exposición EmpoderArte.

O Centro Cultural Lustres Rivas converteuse en epicentro dunha tarde que comezou co diálogo coa investigadora Ana Belén Crujeiras; a doutora e deportista, Sabela Pensado; e a nadadora Gloria Lijó.

"Tres veciñas de diferentes xeracións, de distintos ámbitos, que non só abriron o camiño para elas mesmas, senón para outras moitas mulleres e, sobre todo, para contribuír a cambiar o futuro, para acadar a igualdade. Como todas e todos nós puidemos constatar, elas reclamaron coas súas accións o espazo que merecen como mulleres e profesionais no mundo da sanidade e do deporte", en palabras da rexedora. Rematou a súa intervención manifestando que aquí se deron cita "mulleres do pasado, do presente e do futuro. Todas xuntas cambiando o mundo, logrando unha sociedade igualitaria."

Para a edil, con esta mesa redonda "establecemos así un espazo de diálogo, onde coñecer a experiencia de tres mulleres do noso municipio pertencentes aos distintos ámbitos antes mencionados e que dan nome á cita que hoxe nos reúne."

Crujeiras é investigadora no ámbito da endocrinoloxía e a nutrición e unha referente nacional no estudo da obesidade dende unha perspectiva innovadora e personalizada. O seu simposio centrouse en como o noso estilo de vida inflúe na nosa saúde, facendo especial fincapé na epixenética como "o libro da vida", cun papel determinante na forma na que envellecemos.

Pola súa pare, a doutora e deportista Sabela Pensado representou nesa mesa o nexo de unión máis evidente entre saúde e deporte, pois é facultativa especialista da Área de Medicina Física e Rehabilitación e membro activo do Club Natación Ribeira. Durante o seu relatorio explicou como os estudos médicos do impacto da saúde no ser humano se centraron historicamente no home, deixando de lado á muller, mesmo no deseño do equipamento deportivo. Pensado sinalou mesmo que, no pasado, o deporte estaba contraindicado nas mulleres e que non foi ata os anos 60 cando as mulleres comezaron a irromper neste eido con Kathrine Swirtzer participando na maratón de Boston en 1967.

Doutra banda, a nadadora Gloria Lijó falou dende unha perspectiva máis persoal e animou a todas a practicar o deporte que sexa do interese de cada unha, no seu caso, a natación, sen perder cita coa piscina.

Arte en clave feminino con EmpoderArte

Tamén se procedeu coa inauguración da terceira edición da exposición EmpodeArte, que contou coa participación de 46 artistas, tanto noveis como consagradas, procedentes de Ribeira, da súa contorna e doutros puntos de Galicia, pero todas elas con vinculación estreita coa localidade.

A mostra caracterízase polo colectivo e pola variedade de disciplinas representadas, que inclúen pintura, debuxo, gravado, artesanía, fotografía, escultura e outras expresións artísticas contemporáneas

Durante a apertura contouse co acompañamento musical do grupo de cantareiras As Sete Linguas, da Asociación Francisco Lorenzo de Aguiño.

As visitas pódense realizar ata o 25 de abril, de luns a venres, de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, e nos sábados, dende as 10.00 ata as 14.00 horas.

Perfil das poñentes

Ana Belén Crujeiras. Licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutora en Fisioloxía e Alimentación pola Universidade de Navarra. Completou a súa etapa posdoutoral no Instituto de Investigación Oncolóxica de Barcelona, consolidando así unha sólida formación científica no ámbito biomédico.

Actualmente é directora do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, coñecido comunmente como IDIS, no Hospital Clínico Universitario. Ademais, coordina a Plataforma de Epixenómica do IDIS e forma parte do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBERobn). A súa traxectoria conferiulle numerosos recoñecementos de prestixio.

Sabela Pensado. Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e con varios máster, exerce como facultativa especialista da Área de Medicina Física e Rehabilitación, eido do que ten un exhaustivo coñecemento.

Membro activo do Club Natación Ribeira. De feito, proclamouse campioa galega de natación nas tempadas 1997-2003; de triatlón no ano 2014; campioa de España na modalidade de Sprint no 2015; subcampioa de España en duatlón tamén no 2015; guía e campioa do mundo de acutatlón PTVI con Susana Rodríguez Gacio no 2019; e subcampioa galega de duatlón no 2020.

Gloria Lijó. Pioneira do mar e campioa de superación. Esta veciña de Castiñeiras aprendeu dende ben pequena os desafíos que supoñía o mar, pois non só era paisaxe, tamén medio de sustento.

A súa familia sempre estivo vinculada ao mar e xa de moza, ao igual ca outras moitas mulleres da zona, comezou a traballar no sector conserveiro, pero con 27 anos tomou unha decisión pouco habitual para unha muller na súa época: embarcouse como camareira nun petroleiro noruegués, polo que viviu longas tempadas fóra de Galicia.

Unha vez de regresou a Galicia, investiu xunto ao seu marido os aforros na compra dunhas embarcacións, pero dous barcos afundiron, polo que con 47 anos enrolouse nun barco de pesca de altura, converténdose na primeira muller galega en traballar en pesca de altura e unha das primeiras de España en embarcarse neste tipo de flota.