Buscador

Unhas 130 persoas voluntarias participaron na limpeza de parte do litoral de Corrubedo recollendo catro toneladas de lixo
Whatsapp: Unhas 130 persoas voluntarias participaron na limpeza de parte do litoral de Corrubedo recollendo catro toneladas de lixo

Unha nova xornada de voluntariado no 8 de marzo permitiu liberar o litoral de Corrubedo, no tramo comprendido entre A Ladeira e O Prado, dun total de catro toneladas de refugallos entre os que destacaban a presenza de nasas, redes, plásticos e frascos de xarope.

Nesta iniciativa promovida por Grip Surf School, coa colaboración do Concello de Ribeira, participaron unhas 130 persoas que decidiron botar unha man para actuar na protección das nosas contornas marítimas; labores nos que tamén axudou Protección Civil.

Alí tamén estiveron os concelleiros do Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes, e o de Medio Ambiente, Víctor Reiriz.

"Esta convocatoria tivo un grande éxito de participación para seguir avanzando na protección e conservación da nosa costa; espazo con valor medioambiental, pesqueiro e turístico. Por iso, é de agradecer esta iniciativa de Grip Surf School coa que decidimos colaborar neste loable cometido", en palabras do edil Fernando Abraldes.

Como mostra do compromiso ambiental do Concello de Ribeira, Abraldes avanza que xa se está traballando en futuras convocatorias que porán tamén o foco nas praias do municipio "para seguir avanzando no coidado das contornas naturais e na concienciación da cidadanía. Polo de agora centrámonos nos areais ao ser lugares aos que chega moito lixo pola acción das mareas."