
O Concello de Ribeira da un paso máis na implantación do seu Plan de Sustentabilidade Turística en Destino sacando a licitación a remodelación da fachada litoral do paseo das Carolinas e a accesibilidade á praia de Coroso.
O obxectivo é articular a liña litoral cos corredores ecolóxicos fluviais, incrementar a permeabilidade cara o mar, así como acadar unha maior e mellor integración ambiental e paisaxística. En consecuencia, construirase unha rampla accesible para a praia, crearase unha nova zona deportiva (formada por unha pista e unha área de calistenia), substituiranse as varandas actuais por bancos continuos de pedra que permitan unha maior integración co entorno e a formación de novas zonas verdes.

O orzamento de licitación é de 170.190,90 euros, IVE incluído, financiados a través dun convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Ribeira para a execución do PSTD no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) con fondos Next Generation. As ofertas presentaranse a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX) antes das 23.59 horas do 23 de marzo. O prazo de execución será dun mes e medio dende a formalización do contrato.
