
O Auditorio municipal de Ribeira foi o escenario escollido para a presentación de La Vuelta Femenina by Carrefour.es na súa edición de 2026, a cuarta da súa traxectoria. Con sete etapas a disputar entre o domingo 3 e o sábado 9 de maio, arrancando dende Galicia para culminar no asturiano Alto de L’Angliru, a grande ronda española promete un enorme espectáculo cun percorrido moi duro e particularmente propicio para as escaladoras. O ouro olímpico e vixente campioa do Tour de Francia, Pauline Ferrand-Prévot, xa confirmou a súa presenza na carreira. Tamén o fixo a súa lendaria compañeira de Vism-Lease a Bike, Marianne Vos; a estrela belga Lotte Kopecky (SD Worx-Protime); a poderosa suíza Marlen Reusser, líder de Movistar Team e a segunda na xeral final do ano pasado; ou as referentes españolas Mavi García e Paula Blasi, do UAE Team ADQ.

Ante as preguntas que lle formularon, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, respondeu que "aínda que parte dos nosos deportes se rexen polo forte vínculo que temos co mar como pobo costeiro, tamén destacamos noutras disciplinas máis propias, por así dicilo, de estar cos pés na terra ou, no evento que nos ocupa hoxe, de pedalear." A isto engadiu que "non só é importante a meta, tamén o percorrido e todo canto ten que ofrecer. Temos unha terra, unhas paisaxes, que invitan a explorar con tódolos sentidos. Temos serra e mar. Estou segura de que as nosas incribles panorámicas serán un aliciente máis para as ciclistas que participan nesta volta, así como tamén unha das mellores recompensas."

Galicia acollerá as catro primeiras etapas de La Vuelta Femenina 26 by Carrefour.es, nas cales será tanto escenario como protagonista, pois as estradas galegas son reputadas por apenas ofrecer un descanso ás pernas, con constantes subidas e baixadas resumidas nos case 8.000 metros de desnivel positivo que deberán salvar as ciclistas en pouco máis de 450 quilómetros. Tanto a xornada inicial entre Marín e Salvaterra do Miño, en Pontevedra, como a segunda entre Lobios e San Cibrao das Viñas, en Ourense, inclúen dificultades tanto ao longo do percorrido como no terzo final que impedirán unha chegada masiva; e outro tanto pódese dicir da cuarta xornada entre Monforte de Lemos e Antas de Ulla, en Lugo, A mellor oportunidade para as velocistas chegarán o terceiro día, entre Padrón e A Coruña. Cunha meta plana á cidade herculina.

Outra capital de provincia, León, oficiará como saída para a quinta etapa; a priori, a máis sinxela de toda a semana toda vez que os seus 119 quilómetros non presentan grandes dificultades orográficas, pero si existirá a ameaza do vento, que xa destrozou o pelotón na etapa leonesa de La Vuelta Femenina 25 by Carrefour.es disputada entre Becerril de Campos e Baltanás. Esta foi conquistada ao sprint pola mentada Marianne Vos, na actualidade a ciclista que máis etapas (un total de seis) gañou en toda a historia da ronda española empatada coa súa compatriota Demi Vollering, tamén gañadora da xeral nas dúas últimas edicións da proba.
A sucesora da neerlandesa como dona de La Roja definirase seguramente en Asturias, que albergará as dúas etapas finais da carreira. A sexta, entre a cidade de Xixón e a localidade de Nava, conclúe no Alto de Les Praeres: unha ascensión que xa foi encarada dúas veces por La Vuelta masculina, e que o outrora maillot amarelo e hoxe comentarista televisivo Perico Delgado definiu no seu día como "un mini Angliru" polos seus case catro quilómetros a unha media de 13% de pendente, con picos do 20%.
Ao día seguinte, a grande final de La Vuelta Femenina 26 by Carrefour.es terá lugar no propio Angliru. Trátase dunha das cimas máis coñecidas do ciclismo mundial, con dez presenzas na versión para homes da gran ronda española dende a súa mítica estrea co ‘Chava’ Jiménez emerxendo como gañador entre a néboa en 1999 e ata o triunfo de João Almeida sobre Jonas Vingegaard no setembro pasado, entrará aos anais do ciclismo feminino pola porta grande o próximo sábado 9 de maio. Nas súas ramplas, con máximas do 23% e unha media do 9,7% ao longo de 12,4 quilómetros de ascensión desde Riosa, deberá triunfar a escaladora que leve a vitoria final nunha xornada que se constituirá como a máis dura da historia desta carreira polo seus máis de 3.200 metros de desnivel acumulado, superando os 2.700 da gran final do año pasado en Cotobello.
As etapas de La Vuelta Femenina 26 by Carrefour,es son:
- Domingo, 3 de maio, 1ª etapa: Marín > Salvaterra do Miño (113 km)
- Luns, 4 de maio, 2ª etapa: Lobios > San Cibrao das Viñas (109 km)
- Martes, 5 de maio, 3ª etapa: Padrón > A Coruña (121 km)
- Mércores, 6 de maio, 4ª etapa: Monforte de Lemos > Antas de Ulla (115 km)
- Xoves, 7 de maio, 5ª etapa: León > Astorga (119 km)
- Venres, 8 de maio, 6ª etapa: Xixón > Les Praeres. Nava (106 km)
- Sábado, 9 de maio, 7ª etapa: La Pola Llaviana/Pola de Laviana > L'Angliru (132 km)
