
O Concello de Ribeira fixo onte entrega das recompensas dos concursos de disfraces do Entroido na súa edición de 2026. O certame contou coa modalidade infantil e adulta (con catro subcategorías), repartindo un total de 2.500 euros en premios. A concelleira de Cultura, Ana Barreiro, manifestou que "estes concursos contribúen a incentivar a creatividade da cidadanía para confeccionar os seus disfraces cara cita cultural de tanta relevancia como é o Entroido, unha festa popular cun valor singular en Galicia. Ademais, tampouco faltou a retranca en moitos dos participantes, algo tamén moi noso."
Pola súa parte, o edil de Festexos, Fernando Abraldes, declarou que "estes concursos enmarcáronse dentro dunha programación moi ambiciosa por parte do Concello de Ribeira, que tivo moito éxito. Ofrecemos alternativas de ocio aos nosos veciños en cantidade e de calidade e demostrouse o espírito festeiro dos ribeirenses. Logramos tamén dinamismo na actividade nocturna, especialmente, nunha época frouxa, ao que axudou que o Martes de Entroido fose festivo."
Tamén se pronunciou a concelleira de Promoción Económica, Carmen Pérez, para quen "estas propostas tamén serven para que teñan unha repercusión no tecido económico local. A compra dos elementos para os disfraces e a actividade diúrna, dinamizou o comercio e a hostalería do noso municipio e, esta última, reforzouse tamén co ocio nocturno. E queremos tamén que os premios teñan repercusión nos nosos pequenos negocios, polo que optamos para que as distincións do concurso infantil sexa en bonos."

Na categoría infantil entregáronse cinco premios baixo o formato de vales por importe de 100 euros cada un para gastar no comercio local a Nathan Maneiro, Lois Fontaíña, Uxía Cespón, Lola Parada, e Alba Pérez xunto con Sabela Teira.
En canto á modalidade adulta/individual, o primeiro posto, dotado de 150 euros, foi para Paxaro do paraíso; o segundo, con 75 euros, para Emperatriz china; e o terceiro, con 50 euros, para Ratatouille.
No que respecta á adulta/parella/trío, Fallout + Steampunk acadou o primeiro posto e levouse 250 euros; Se chove que chova, o segundo e 150 euros; e Reises de Inglaterra, o terceiro e 100 euros.
Xa na grupal adulta, Familia Adams acadou o ouro, con 425 euros; A procesión da moción, a prata, con 250 euros; e Mi primera comunión, o bronce, con 150 euros.
Finalmente, na adulta de Enterro do Felipe, Ana María Argibay gañou na individual, distinguida con 100 euros; e a Asociación de Veciños de Carreira obtivo a de grupo máis numeroso, con 300 euros.
