Buscador

O Concello de Ribeira adxudica o servizo de asesoramento xurídico en materia de estranxeiría e asilo
Whatsapp: O Concello de Ribeira adxudica o servizo de asesoramento xurídico en materia de estranxeiría e asilo

O Concello de Ribeira vén de adxudicar o servizo profesional de asesoramento xurídico en materia de estranxeiría e asilo, orientado a reforzar a atención que o Departamento de Servizos Sociais presta ás persoas migrantes do municipio.

O obxectivo é garantir un asesoramento xurídico especializado en materia de estranxeiría e asilo, co fin de complementar a atención social que xa se ofrece desde o Concello favorecendo así a inclusión social e laboral da poboación migrante residente en Ribeira. O servizo facilitará información, orientación e acompañamento nos complexos procesos administrativos vinculados ao dereito de estranxeiría e á protección internacional, co propósito de evitar erros na tramitación e mellorar as posibilidades de éxito das solicitudes.

Ademais, o servizo ofrecerá apoio ao persoal técnico municipal, ás entidades sociais e ás empresas interesadas na contratación de persoas en situación administrativa irregular, promovendo así a súa inserción laboral e a regularización da súa situación.

O orzamento de licitación situouse nos 11.011 euros, IVE incluído. A empresa Laranga & Gómez Avogadas, S.C.P. resultou adxudicataria por contar coa mellor oferta das dúas que concorreron ao proceso. O prezo final do servizo é de 9.438 euros, con impostos, e a duración do contrato será dende abril de 2026 ata o de 2027, ambos incluídos.