Buscador

O Concello de Ribeira distingue ao seu cronista Xosé María Fernández Pazos e recupera o monólito da praza do Centenario
Whatsapp: O Concello de Ribeira distingue ao seu cronista Xosé María Fernández Pazos e recupera o monólito da praza do Centenario

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, presidiu onte, luns 23, o acto central con motivo do 120 aniversario do título de cidade outorgado en 1906 por parte do Rei don Alfonso XIII. Primeiramente, procedeuse no novo Auditorio municipal coa entrega da distinción ao Cronista Oficial, Xosé María Fernández Pazos, despois do seu nomeamento por acordo unánime da Corporación municipal no Pleno de marzo de 2023; un posto que estaba deserto dende o falecemento de Carlos García Bayón no 2003.

Unha vez o secretario municipal deu lectura á acta plenaria, a rexedora fíxolle entrega ao homenaxeado dun diploma que plasma a súa toma de posesión. Durante a súa intervención, Sampedro manifestou "este é un momento sumamente especial a nivel colectivo, pois voltamos a vista atrás para ver como chegamos ata ese nomeamento, para ver como evolucionamos como sociedade e o camiño que percorremos todos xuntos, pero tamén para dilucidar os novos sendeiros que nos quedan por percorrer cara o futuro. Xuntos, con cada paso, facendo historia. Porque moitas veces é preciso mirar o pasado para entender o presente e ter claro que queremos para o futuro. "

A isto, a mandataria local avogou por seguir "facendo todos e todas xuntas unha Ribeira próspera e humana, que mira con moita positividade ao futuro, pero que non se esquece de quen fixo posible quen somos. Todos enrolados no mesmo barco navegando pola augas do tempo nunha singradura que non perde o norte na rosa dos ventos que constitúe a escoita da nosa xente."

Pola súa parte, Fernández Pazos desvelou as orixes de Ribeira como concello; "nacido co decreto aprobado polas Cortes o 27 de xaneiro de 1822 que obedecía o preceptuado pola Constitución de Cádiz no seu artigo 11". Mais a petición dun título para Ribeira foi reiterada polo alcalde daquel momento José Martínez ante o deputado nacional, Rafael Gasset y Chinchilla, posterior ministro de Fomento; un título xa requirido durante unha visita en 1903 por parte do predecesor na Alcaldía, Domingo Vilas, para a "concesión de título de vila e porto de segunda clase, peticións que o rexedor e corporación crían que o pobo mariñeiro merecía en pleno desenvolvemento urbano e industrial", aínda que finalmente se lle concedeu o de cidade.

Tamén se recuperou na praza do Centenario o monólito inaugurado no 15 de xullo de 2006 con motivo do centenario da cidade; momento no que as Súas Maxestades os Reis don Juan Carlos e dona Sofía visitaron o municipio. Esta figura fora retirada por mor das obras executadas e volve presidir dende onte o dito espazo público.

 

Unhas xornadas para coñecer o pasado recente

Do 24 ao 27 de marzo, ás 19.00 horas, impartirase a primeira edición das Xornadas Históricas de Ribeira, na sala polivalente do Auditorio municipal. A entrada é de balde e abriranse as portas media hora antes do inicio de cada conferencia.

O Cronista Oficial de Ribeira, Xosé María Fernández Pazos, falará sobre Manuel Lustres Rivas, mestre de xornalistas e referente do galeguismo ribeirense, no martes 24; mentres que o Cronista Oficial de Cenlle e membro da Real Academia Galega, Clodio González Pérez, fará o propio con Os cruceiros de capela do Concello de Ribeira: estudo artístico e histórico, no mércores 25.

Xa no xoves 26 será a quenda do director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, Antonio Jesús González Millán, con A presenza dos Valle-Inclán polas terras de Ribeira; e no venres 27 tocará asistir ao coloquio do membro da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, e O ribeirense Xosé Ramón Barreiro Fernández, o historiador que lle deu voz á Galicia contemporánea.

Haberá tamén oco para as mostras coa exposición no vestíbulo do Auditorio, dende o martes 24 ata o sábado 28, dunha maqueta do Santa Isabel de dous metros realizada por José Antonio Barreiro; exhibida en Ribeira por primeira vez.