Buscador

Veciñas de Aguiño protagonizaron o acto inaugural da rehabilitación do lavadoiro de Penisqueira
Whatsapp: Veciñas de Aguiño protagonizaron o acto inaugural da rehabilitación do lavadoiro de Penisqueira

O lavadoiro de Penisqueira loce renovado aspecto trala restauración e posta en valor deste ben patrimonial por parte do Concello de Ribeira.

O proxecto supuxo un investimento de 48.198,54 euros para a rehabilitación deste espazo nunha contorna cunhas vistas privilexiadas á bocana da ría de Arousa e cun significado moito máis alá de ser un lugar para lavar a roupa: era un punto de encontro onde as mulleres facían comunidade. Por este motivo, o Concello organizou un acto de inaugural tralas obras coas lavandeiras como protagonistas, onde varias veciñas da parroquia de Aguiño (Pepucha Ayaso, 86 anos; Pura Fernández, de 82 anos; e Hortensia González, de 88 anos) ofreceron as súas testemuñas de como era a vida antano arredor dos ríos, así como algunhas das anécdotas que viviron.

"Este é un espazo que vai moito máis alá de ser un recurso turístico situado na parroquia de Aguiño; é parte da nosa historia onde conflúen a auga doce e a auga salgada. Aquí reuníanse as nosas nais, as nosas avoas e lavaban a roupa, pero tamén cantaban, charlaban, narraban contos... Dalgún xeito, hoxe escenificamos aquí aqueles tempos", manifestou a alcaldesa, María Sampedro.

Tampouco faltou a música da xornada coas cantareiras As Sete Linguas, da Asociación Francisco Lorenzo Mariño.

Obras executadas

Esta actuación supuxo a roza da vexetación da contorna, a renovación do conxunto de canalizacións que subministran de auga á instalación, o repicado dos muros de cachotaría de granito, a formación de fondo do lavadoiro e estanque con morteiro de cal hidrófugo, e o acondicionamento manual das pezas deterioradas e disgregadas pola erosión.

A maiores, executouse unha zona de miradoiro mediante unha pequena grada de pedra, ademais de habilitar un sendeiro con pavimento de pezas de granito coa finalidade de conectar co camiño público lindeiro.