
O concerto As time goes by fará desfrutar ao público de Ribeira da música de Frank Sinatra no 24 de abril, ás 20.00 horas, no novo Auditorio municipal. Temas míticos como New York, New York ou Blue moon soarán da voz de Borja Quiza con Fernando Briones ao piano, Juan Cañada no contrabaixo e Miguel González co saxofón.
A concelleira de Cultura, Ana Barreiro, manifestou que chega "ao buque insignia da cultura un evento que pretende divulgar o patrimonio cultural e musical da canción americana do século XX e a súa transcendencia na cultura popular."
Neste senso tamén se pronunciou o barítono lírico, Borja Quiza, para quen é a primeira vez que actúa en Ribeira. "Esta é unha homenaxe a Sinatra e outros artistas de música melódica do século XX", como ben apuntou o artista galego.
A venda das entradas comeza neste venres, 27 de marzo, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase paralelamente na páxina web www.ataquilla.com e de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 25 euros, máis gastos de xestión.