
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e a concelleira de Xuventude, Carmen Pérez, mantiveron nesta semana unha reunión coa directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, cara a avaliar as posibilidades de colaboración na mellora da Casa da Xuventude e no incremento da oferta de lecer que esta oferta á mocidade ribeirense que a Xunta de Galicia comprometeu a estudar.
O Concello de Ribeira acometeu a principios deste ano o acondicionamento do edificio municipal; "unhas melloras coas que queremos continuar focalizándonos na estrutura deste centro que siga brindando á xente moza un lugar de reunión con oferta de ocio", indicou a rexedora.
Tamén se abordou o interese dende a Administración local de incrementar as actividades que dinamicen este espazo e o ocio da mocidade. "Recentemente puxemos en marcha o programa Por fin é finde, que ofrece unha programación variada nos sábados, en horario de 17.00 a 20.00 horas, e que combina as accións formativas con propostas creativas como talleres de repostaría e customización, videoconsolas ou karaoke, pero queremos seguir traballando para incrementar esta oferta e converter a Casa da Xuventude nun referente como punto de encontro, formación e lecer saudable."