Buscador

O bosque comestible do parque periurbano de San Roque avanza coa plantación de preto dunha vintena de árbores
Whatsapp: O bosque comestible do parque periurbano de San Roque avanza coa plantación de preto dunha vintena de árbores

O Concello de Ribeira dá un paso máis na súa colaboración con Sachos á Rúa para a creación dun bosque comestible no parque periurbano de San Roque trala cesión dunha parcela cunha superficie de aproximadamente 2.500 metros cadrados.

Un bosque comestible é un ecosistema deseñado para imitar a estrutura e a función dun bosque natural, con diferentes especies botánicas que producen alimentos e outras materias primas.

A Concellería de Medio Ambiente proporcionou no inicio deste 2026 un total de 18 árbores (6 nogueiras e 13 froiteiros variados) para plantar no terreo, ademais de materiais necesarios para a execución do proxecto por un importe superior aos 200 euros.

"Esta é unha liña de colaboración máis con Sachos á Rúa para que frutifique esta iniciativa que nos parece moi interesante e novidosa no noso concello. Inicialmente destinamos algo máis de 200 euros para a compra de árbores, se ben é unha contía inicial que non descartamos ampliar segundo avance o proxecto. Ademais, cara o verán, valoraremos a colocación dun punto de auga máis preto dos bancais para facilitar o rego", en palabras do concelleiro de Medio Ambiente, Víctor Reiriz, despois da visita ao espazo xunto co técnico municipal da área, Ignacio Fernández, e o tesoureiro da asociación sociocultural e agroecolóxica, Manuel González.

O edil tamén pon en valor o traballo feito por Sachos á Rúa; "un labor altruísta que redunda positivamente na nosa sociedade e no medio ambiente."