
A Corporación municipal de Ribeira celebrou na tarde do luns 30 o Pleno ordinario correspondente ao mes de marzo de 2026 no que se abordou a adxudicación do servizo de axuda no fogar por un importe de 1.626.875,73 euros anuais e a duración do contrato establécese nos tres anos con posibilidade dunha prórroga. A empresa Attende Care, S.L. resultou a adxudicataria e entre os servizos complementarios atópanse o de fisioterapia, podoloxía, barbería ou reforzo das limpezas, ademais de axudas técnicas como camas xeriátricas con carro elevador, guindastres para a mobilización, colchóns antiéscaras, sabas deslizantes ou colchón de ducha. O prezo sitúase nos 21,46 euros por hora con máis de 70.000 horas anuais. Actualmente, o servizo conta cun total de 220 persoas usuarias, polo que, en palabras da alcaldesa, María Sampedro, "é un contrato indispensable para o coidado dos nosos maiores, de persoas con dependencia e persoas con necesidades especiais", ao que engadiu que a Xunta de Galicia aportará máis dun 50% do investimento. Este punto saíu adiante con 17 votos a favor (9 do PP, 3 do PBBI, 4 do BNG e 1 non adscrito) e 2 abstencións (1 do PSdeG-PSOE e 1 non adscrito).
Tamén se levou a proposta do nomeamento de representantes no Consello Escolar Municipal, pois o goberno municipal defende que estea integramente formado por representantes da comunidade educativa, sen presenza de políticos, que foi aprobado co respaldo de 12 votos a favor (9 do PP e 3 do PBBI), 6 abstencións (4 do BNG e 2 non adscritos) e 1 en contra (PSdeG-PSOE).
Ademais, o BNG propuxo unha medida para continuación co proceso de castración das colonias felinas. A isto, o goberno municipal presentou unha emenda de substitución na que se amplía a contía destinada a tal fin ata os 9.000 euros mediante un convenio con Callejeros Barbanza e que contou co apoio unánime dos presentes.
Pola súa parte, o PSdeG-PSOE plantexou a construción dunha pasarela na praia do Prado, na parroquia de Corrubedo. A este respecto, o executivo local presentou tamén unha emenda de substitución para que se estude a viabilidade do proxecto, con luz verde da unanimidade da Corporación. Outro dos asuntos aprobados por unanimidade chegou da man do grupo non adscrito relativo á instalación de puntos de luz nos arredores do polideportivo de Palmeira.

Moción de urxencia
Abordouse unha moción de urxencia presentada polo goberno municipal para condenar os actos desenvolvidos o pasado venres, 27 de marzo, pola organización xuvenil Galiza Nova no monólito da praza do Centenario por "por intentar terxiversar a realidade do fondo do 120 aniversario da cidade" ao soster que é un símbolo monárquico, cando "é un símbolo do pobo." Así mesmo, o executivo local considera que esa maneira de proceder "é contraria ao sentir da maioría da sociedade de Ribeira" e infrinxir o artigo 17.1-a da Ordenanza Municipal de Limpeza ao deixar cartelería polas rúas, ademais de "recoller mensaxes contrarias ao estipulado pola Constitución española que estipula que a forma política do Estado español é a monarquía parlamentaria."
"Este goberno municipal entende esta maneira de proceder como unha tentativa de manipulación da realidade, inxusta para este executivo local, pero, sobre todo para o conxunto da cidadanía ribeirense", segundo a concelleira Herminia Pouso na exposición de motivos.
A dita moción aprobouse ao contar con 12 votos a favor (9 do PP e 3 do PBBI) e 6 en contra (4 do BNG, 1 do PSdeG-PSOE e 1 non adscrito).