
O programa de mobilidade do Centro Dramático Galego, Sobes ao autobús do teatro?, chega de novo a Ribeira para asistir ao Salón Teatro de Santiago de Compostela no 10 de abril para ver Hamlet.
O bus sairá ás 15.45 horas dende a estación e o prezo polo desprazamento e da entrada establécese nos 5 euros.
As persoas interesadas deben reservar a súa praza no teléfono de contacto 981 835 650, en horario de atención ao público de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas; ou ben no enderezo electrónico normalizacion@ribeira.gal. A data límite para anotarse é o 9 de abril.
Hamlet é unha produción propia de gran formato dirixida por Tito Asorey, quen asina xunto a Vanesa Sotelo a versión galega deste clásico de Shakespeare cun elenco de 16 actores e actrices sobre as táboas. Publicada en 1603, a traxedia do príncipe preséntase aquí situada na contemporaneidade, 20 anos despois da súa última montaxe en galego.
O espectáculo dialoga cos dilemas da sociedade actual, interpelándonos como habitantes da era das intelixencias artificiais para reivindicar a necesidade de recuperar a humanidade.