
Un total de 43 nenos e nenas participan no Ribeira Concilia Primavera que pon en marcha o Concello para favorecer a compatibilización da vida persoal e laboral das familias nos períodos vacacionais, desta vez, coincidindo coa Semana Santa.
O concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, visitou á rapaza durante unha saída polo centro para coñecer o desenvolvemento desta acción en materia de conciliación con funcionamento nos días 30 e 31 de marzo e do 1 ao 6 de abril, de luns a venres, agás festivos, no Conservatorio Municipal de Música ‘Enrique Paisal’.
"Dende o Concello de Ribeira brindamos esta prestación de balde para as familias que amosa o noso compromiso de seguir avanzando en conciliación. Entraron a totalidade das solicitudes presentadas dando, por suposto, cumprimento ás ratios. Durante este período, a rapazada sigue aprendendo ao mesmo tempo que se divirte con actividades educativas e lúdicas", en palabras do edil.

A isto engade que se leva novamente ao Conservatorio Municipal por "quedar xa constatado que reúne unhas mellores condicións para o desenvolvemento do programa. Xa no Nadal percibimos moi boa resposta por parte das familias polo cambio. E, obviamente, seguimos utilizando o pavillón do CEIP O Grupo para actividades puntuais como, por exemplo, as deportivas."
