
O Concello de Ribeira continúa coas reunións veciñais polas súas parroquias co obxectivo de fomentar a participación cidadá na acción do goberno municipal. Despois do paso por Corrubedo e Olveira a comezos de ano, no martes, 14 de abril, será a quenda de Oleiros, ás 20.00 horas, no local da comunidade de montes.
Estes encontros serven para poñer en común as necesidades e dúbidas, ademais de espazo para explicar as accións en materia de servizos e infraestruturas a realizar.
"Oleiros constitúe a terceira parada dos encontros veciñais que promovemos dende o Concello para que a cidadanía non só sinta que é o foco da política municipal, senón que tamén tome parte dela. Queremos facer unha Ribeira mellor entre todos. Trátase de escoitar para acertar", en palabras da alcaldesa, María Sampedro.
Estas reunións proseguirán no resto de parroquias en vindeiras datas.