
Un total de 425 escolares de infantil e algún curso de primaria de oito centros educativos de Ribeira, xunto a 22 alumnos de Amicos, conmemoraron o Día Internacional do Libro, no 23 de abril, asistindo ao novo Auditorio municipal para a representación de O arcón de Noa; un espectáculo que emprega a linguaxe da danza contemporánea, os obxectos e a interacción co dispositivo escénico para amosar múltiples situacións e personaxes guiados pola narración clásica de conto de maxia e fantasía.
O Concello de Ribeira optou por organizar esta actividade en exclusiva para a comunidade educativa para fomentar a lectura en idades temperás cunha proposta lúdica e pedagóxica. Recalou no municipio coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, sendo o primeiro espectáculo desta rede 2026 en Ribeira e estrea do espectáculo para público escolar en Galicia.

Nesta función, os escolares acompañaron á protagonista, Noa, na viaxe máxica que emprende ao, por un encantamento, cobrar vida tódolos xoguetes que habitan o arcón e aparece un ser misterioso que goberna sobre eles. A posta en escena está fundamentada nas coreografías e nun dispositivo cunha estética colorida chea de fantasía e sorpresas, acompañada dun deseño de iluminación e un espazo sonoro que crean os diferentes ambientes e emocións que van guiando a narración.
