Buscador

Sabela González, do colexio de Olveira, gañadora da quinta edición do concurso escolar de deseño de marcapáxinas
Whatsapp: Sabela González, do colexio de Olveira, gañadora da quinta edición do concurso escolar de deseño de marcapáxinas

A quinta edición do concurso escolar de deseño de marcapáxinas da biblioteca municipal de Ribeira xa ten gañadora: Sabela González Martín, alumna de 6° curso de primaria do CEIP de Olveira.

A concelleira de Educación, Nucha Brión, xunto ao bibliotecario Xoán Fernández, foron os encargados de facerlle entrega do premio consistente nun lote de libros e nun diploma, ademais de imprimir o seu deseño en formato de marcapáxinas para repartir dende a propia biblioteca municipal.

"Convocamos este concurso como antesala á celebración do Día Internacional do Libro que é hoxe; unha data moi apropiada para facer entrega do galardón ao deseño distinguido para ser a imaxe que ilustre os marcapáxinas que repartamos dende a biblioteca municipal. Unha iniciativa na que involucramos á comunidade educativa para que a rapazada, tal e como sucede coa lectura, dea rolda solta á súa imaxinación coa elaboración destes debuxos que marcará as páxinas nos libros dos lectores de Ribeira e tamén, cunha proposta lúdica, que busca fomentar o hábito lector", explica a edil.

O debuxo de Sabela, quen asistiu á entrega acompañada de compañeiras e compañeiros de aula, ademais do seu profesorado, presenta un gato asombrado ante unha estante repleto de libros onde se poden ler os títulos de clásicos da literatura. A propia Sabela explicou que a idea xurdiu polo gusto que ten pola lectura e nese momento estaba cun gato; polo que aí xerminou o concepto da ilustración.

Ademais, tiveron ocasión de contemplar a exposición realizada cos 364 marcapáxinas participantes, de cinco colexios do municipio, nesta quinta convocatoria do certame; unha mostra que se pode visitar na propia biblioteca municipal ata finais de mes.