
O Concello de Ribeira saca a licitación a construción do parque infantil na praza do Centenario despois de que finalizase o proxecto de reordenación deste espazo. A dita praza conta actualmente cunha gran área rectangular destinada a albergar unha área de xogos infantís.
Proxéctase a construción dun novo parque deseñado con elementos diferentes aos situados no resto de zonas recreativas para as crianzas no centro urbano co obxectivo de ampliar a oferta de áreas de ocio.
Os elementos a instalar son unha estrutura en forma de cúpula de onde se suspenden varios xogos de corda, capas de redes, escaleiras, pontes de corda, un tobogán, unha hamaca e tirantes; unha randeeira tipo péndulo; unha roda xiratoria; outra estrutura tipo sendeiro de parkour; outra randeeira con asento inclusivo e asento bebé; e unha cunca xiratoria. O período de execución das obras sitúase nos catro meses.
O orzamento de licitación é de 212.990, 14 euros, IVE incluído. As ofertas presentaranse a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX) antes das 23.59 horas do 13 de maio. O período de execución das obras será de catro meses dende a formalización do contrato.